jueves, 15 de marzo de 2012

Xuntanza do Presidente da Xunta co presidente do Goberno de España


Con apenas 80 días no cargo, Mariano Rajoy recibiu hoxe na Moncloa ao presidente Alberto Núñez Feijóo.

Salientar que hai máis de dous anos que un presidente do Goberno non recibía ao titular da Xunta, despois da marxinación á que inexplicablemente Zapatero someteu a Galicia.

Nesa xuntanza oficial o presidente do Goberno de España asumiu persoalmente o compromiso dunha data de chegada do AVE a Galicia así como o compromiso de dotar de carga de traballo aos estaleiros da Ría de Ferrol-Navantia.

O presidente da Xunta logo de manter a reunión oficial deu conta en rolda de prensa dos asuntos tratados de maior interese e de maior urxencia para Galicia, entre os que destacan o retraso das infraestruturas competencia do Goberno central, a situación que atravesa o sector naval, a situación económica de España e das comunidades autónomas, o proceso de recapitalización de Novagalicia Banco e o futuro do Parador de Muxía.

No tocante ás infraestruturas, o Núñez Feijoo agradeceu a Mariano Rajoy que asuma o compromiso do Goberno central en relación co AVE a Galicia e “de que sexa el quen concrete os prazos”. “Foi o presidente o que se comprometeu a concretar el mesmo a data de chegada do AVE a Galicia”, resaltou.

O presidente da Xunta recordou que a postura da comunidade, neste eido, é ben coñecida: “Entendemos –dixo- que tecnicamente non é posible que o AVE chegue a Galicia antes do 2018. Non imos enganar a ninguén, non o fixemos cando estabamos na oposición, non o fixemos desde o Goberno da Xunta e reitereille que, na nosa opinión, esa data é razoable, tecnicamente posible, aínda que financeiramente moi ambiciosa”.

En materia de estradas, Feijóo fixo fincapé na necesidade de finalizar a autovía do Cantábrico, a Autovía entre Pontevedra e Vigo, as Autovías de Santiago e Lugo e de Lugo a Ourense.

En relación á situación que atravesa o sector do naval Feijóo subliñou que “o Goberno de España e o propio presidente están a traballar para conseguir un sistema de tax-lease homologado ao resto dos países da Unión, e para que os estaleiros españois e galegos poidan volver a contratar barcos como viñan facendo fai un ano, antes de xurdir este conflito coas autoridades europeas”.

“Así mesmo o presidente, -engadiu- me transmitiu que o Goberno e el mesmo están traballando para obter carga de traballo nos estaleiros da ría de Ferrol-Navantia. Polo tanto, me consta que coñece o tema de primeira man e me consta a súa vontade firme de intentar aprobar estas dúas materias que se deixaron pendentes na lexislatura anterior”.

No tocante ao Parador de Muxía, Feijóo resaltou o anuncio do presidente do Goberno de España de facer “si ou si” a obra. “Hoxe transmitiume a súa decisión de que ese parador se faga nesta lexislatura. Coincidimos en que é un compromiso fundamental adquirido nun momento fundamental porque supón un revulsivo a unha zona afastada como é a Costa da Morte, que é o córner de Europa; e é un compromiso que asumimos todos cando aprobamos o Plan Galicia”.

En relación a NovaGalicia Banco, Núñez Feijóo valorou positivamente o feito de que o presidente do Goberno central considere “interesante” a posibilidade de que os directivos de NCG Banco consigan capital e fondos de inversión. “Sería unha boa noticia para o sistema financeiro e, polo tanto, o Ministerio de Economía estará tutelando esta posibilidade de capitalización deste banco e unha posterior decisión en condicións de igualdade e de competitividade co resto da reestruturación financeira que se está producindo neste momento en España”, explicou.

O presidente da Xunta trasladou tamén a Mariano Rajoy a necesidade de abordar en España o debate da fusión municipal para garantir, en época de crise económica, a prestación dos servizos públicos municipais facendo concellos máis grandes, máis fortes, máis sólidos, que realmente cumpran cos seus obxectivos, que non son outros que mellorar as prestacións dos veciños.

O titular da Xunta destacou, tamén, o agradecemento e felicitación do presidente do Goberno de España a Galicia polo esforzo ininterrompido nestes tres últimos anos, “onde cumprimos –precisou- os principios de equilibrio presupostario, onde mantivemos blindada a solvencia da comunidade, o pago a provedores, o déficit público, mantivemos blindado os servizos públicos esenciais e resgardamos da crise á comunidade”.

Todo indica o balance moi satisfactorio desta xuntanza.