Hoxe partcipei nunha importante reunión do Presidente do Goberno coa integridade do Grupo Parlamentario Popular no Congreso dos Deputados.
Despois das palabras do portavoz do GPP falou Mariano Rajoy salientando a difícil situación que vive España.
Salientamos estas palabras da sua intervención:
“O obxectivo para os próximos catro anos é crecer, crear emprego e, xa que logo, darlle a volta á situación na que estamos vivindo. As condicións de partida nas que nos atopamos esixen unha tarefa de desentullo de todos os lastres que impediron a nosa recuperación e escorrentaron a confianza nos últimos anos. Os principais son o déficit público insostible e o alto endebedamento co exterior, tanto privado como público; a imposibilidade das entidades financeiras de dar crédito a familias e empresas; as carencias competitivas da economía española; e a falta de vontade política que se acreditou nos últimos anos para afrontar os nosos desafíos.
- É un camiño longo, de reformas históricas, de esforzos inaprazables, salpicado en ocasións con incomprensións, pero é un camiño que nos vai a permitir crear as vigas mestras dun novo crecemento económico que nos permitirá recuperar a medio prazo os nosos horizontes de prosperidade, de benestar e de emprego.
- O que acreditamos, e é moi importante aínda que non sexa un real decreto lei, é vontade política para afrontar os nosos desafíos. E teño que dicir que o seguiremos facendo porque non podemos liquidar o futuro e porque os españois non nolo perdoarían, e con razón.
- Controlar o déficit público é hoxe a nosa maior urxencia e isto temos que telo todos moi claro. Primeiro, non controlar o déficit público significa enormes dificultades para poder financiarse. Segundo, temos un compromiso europeo que asumimos voluntariamente e que temos que cumprir. E terceiro, canto maior sexa do déficit público, canto máis gastemos por encima do que ingresamos, maior será a débeda e hoxe dedicamos ao pago de intereses da débeda 29.000 millóns de euros.
- O déficit público é malo porque nos resta credibilidade, impide crecer a empresas e familias e, xa que logo, crear emprego, hipoteca o Estado de Benestar, dificulta o financiamento e pon en risco o futuro do país. Este é, xa que logo, un obxectivo irrenunciable no que nos xogamos moito.
- Presentamos uns Orzamentos que son moi austeros, pero que son cribles e, sobre todo, serán eficaces para o futuro crecemento económico e xeración de emprego. Son ademais uns Orzamentos xustos e equitativos. intentamos preservar algunhas partidas orzamentarias que afectan a moitísimos españois, que son os que están en situación de máis dificultade. Non tocamos as pensións, o seguro de desemprego e o IVE.
- O que estamos é cambiando a política económica que se fixo nestes anos, que é a que nos trouxo ata onde estamos. Pedirlle agora a quen fixeron unha política económica que nos trouxeron ata aquí que fagan unha pirueta e que afirmen que o que hai que facer é o contrario do que fixeron é certamente difícil e complicado.
- Puxemos coto a moitos gastos que son superfluos, prescindibles e inxustos. Non se trata só de reducir déficit público, facer matemáticas, trátase tamén de facer as cousas ben.
- Presentamos nas Cortes unha reforma laboral que, non vos caiba a máis mínima dúbida, que producirá os seus froitos no futuro. Ao longo da crise que vivimos estes anos, destruímos o dobre de emprego que a Unión Europea, entre outras cousas, como consecuencia dunha lexislación laboral que facía recaer todo o axuste sobre o emprego ao non existir ningunha flexibilidade.
- O plan de provedores é unha operación económica de primeira orde que nunca ninguén fixera no noso país por importe de 35.000 millóns de euros e que vai servir, mediante créditos a longo prazo e máis barato, para que as Administracións Públicas cumpran un compromiso tan razoable, tan sensato e tan moral como pagar a aquelas persoas ás que encargaron determinados servizos.
- Avanzamos a bo ritmo, polo camiño correcto. Estamos na senda reformista. O Goberno ten as ideas moi claras, sabe perfectamente o que hai que facer e actúa con arranxo a un plan. Temos un rumbo fixo e temos catro anos por diante. Non hai que facer caso ao ruído, nin distraerse con cousas menores, nin prestarlle atención ao que, pola súa pouca importancia, dura 24 horas. A nosa obrigación hoxe é gobernar.
- Agora estamos vivindo o momento máis difícil, que é o dos sacrificios compartidos para corrixir os erros do pasado, sen froitos aparentes. Pero os efectos desta política veranse no tempo e o crecemento económico e o emprego chegarán porque estamos pondo as bases saneadas e despregando unha axenda de reformas que nos permitirán ser produtivos e competitivos nunha economía global.
- Moitas das decisións que tomamos e que tomaremos non son agradables nin son compartidas por moitos. A min non me gustou subir o Imposto da Renda das Persoas Físicas. Moitas gustounos non habelas tomado. Pero non queda outro remedio se queremos cambiar as cousas. Hai decisións que as tomamos porque é xusto, sensato, razoable e de sentido común e hai outras que as tomamos porque as circunstancias obrígannos a facelo.
- Eu xa sei que é moi difícil explicar o que é a prima de risco, o déficit, a débeda pública e os mercados. Pero precisamente porque é difícil, ese esforzo que temos que facer é moito maior. E tamén estou convencido de que hai moitas cousas que se poden explicar e que todo o mundo entende. Pódese explicar que non podemos gastar máis do que ingresamos; que se non tomamos decisións, o financiamento das Administracións, das empresas e das familias ponse moito máis complicada; que hai Administracións que non poden pagar aos provedores e algunhas teñen dificultades para refinanciar as súas débedas; e que se debemos moito, hai que gañar a confianza de quen nos prestou.
- Nós, o Goberno de España e os españois, non imos contra ninguén. Nós non falamos doutros países. Nós a todos os países da UE desexámoslles o mellor. O que é bo para España é bo para a Zona Euro e o que é bo para os países da Zona Euro e da UE é bo para España. Todos temos problemas e nós traballamos para solucionar os nosos, os dos españois, pero tamén para axudar á Zona Euro e esperamos que os demais fagan o mesmo, que asuman as súas responsabilidades e que sexan prudentes nas súas afirmacións e que traballen para mellorar o seu país e a Zona Euro.
- Teño que afirmar a convicción de que as responsabilidades maiores hoxe son as nosas porque así o quixeron os cidadáns e porque temos a maioría de votos para levar a cabo as reformas. Teño a convicción de que o que non fagamos nós poucos vano a facer.
- Ao longo das próximas semanas poremos sobre a mesa entre outros os seguintes proxectos:
• plan de loita contra a fraude fiscal
• plan de loita contra a fraude en materia laboral e en materia de Seguridade Social
• a reforma do sistema sanitario
• a racionalización do gasto educativo
• reunión do Consello de Política Fiscal e Financeiro para pedirlle ás CC. AA. axustes orzamentarios e que asuman as súas obrigacións como institucións
• a reforma do sistema financeiro que, como dixen antes, puxemos en marcha
• traballaremos para que salgan ao mercado en mans de promotores
• reformaremos o mercado do aluguer
• iniciaremos privatizacións no sector público
• faremos o resto da reforma no sector enerxético
• aprobaremos a lei de emprenderemos
• comezaremos a reforma das Administracións Públicas
• tomaremos decisións que vaian na liña de que en España haxa de verdade un mercado único
• aprobaremos unha lei de costas
• tomaremos decisións importantes en materia de I D i
• unha lei que permita ás Administracións titulares de televisións autonómicas que as xestionen dun xeito diferente a como ocorre actualmente
• lei de taxas xudiciais
• e, de xeito definitivo, a lei de transparencia e a reforma dos organismos reguladores”