Hoxe e mañá terá lugar o II Foro Parlamentario Hispano-Portugués na cidade lusa de Porto como preámbulo ao encontro entre os gobernos español e portugués que terá lugar a próxima semana.
Nela partciparemos os deputados galegos no Congreso do PP, Antonio Erias, Ana Belén Vázquez e eu mesmo formando parte dunha delegación española, que preside Dolors Montserrat e na que participan un total quince parlamentarios de distintos grupos políticos, do Congreso dos Deputados e na que analizaremos cunha delegación similar da Asemblea da República Portuguesa en distintas mesas temáticas cuestións de suma importancia para ambos os países e sen dúbida para Galicia.
Así, eu traballarei nos temas dedicados á circulación de persoas e vías de comunicación nas que se tratará sobre o transporte ferroviario e viario así como sobre as negociacións que se están levando a cabo para a interoperabilidad dos sistemas de peaxe entre España e Portugal, unha situación que afecta enormemente ao tráfico de persoas entre Galicia e o país veciño e ao comercio entre ambos os países.
Pola súa banda o portavoz na Comisión de Industria, Antonio Erias participará nos debates a situación dos mercados ibéricos de electricidade e gas.
E Ana Vázquez traballará nas áreas relacionadas cos efectos da seca en Portugal e España e analizará todo o relacionado coas medidas de prevención e loita contra os incendios forestais en ambos os países.