En Madrid, hoxe pola mañá asistín, ao almorzo informativo organizado por Europa Press, no que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, fixo un breve balance dos seus tres anos de goberno ao fronte da Xunta e unha reflexión acerca do papel que a comunidade galega xogou en España nese tempo, afirmando que Galicia está empezando a ofrecer xa nos nosos días síntomas evidentes de que os esforzos e os sacrificios que hoxe necesita España son a garantía da prosperidade do mañá.
Afirmou que mentres outras comunidades tiveron que elaborar plans de axustes de 2.400 - 4.400 millóns de euros, a comunidade galega puido presentarse novamente cunhas contas equilibradas. Dixo que “terse movido na estabilidade presupostaria nos últimos tres anos, permítenos dicir que, dos 18.000 millóns de desvío do déficit que as autonomías teñen que corrixir este 2012, a Galicia só lle corresponde o 0,4%”.
Recordou que “hai comunidades que teñen que pagar altísimos intereses polas súas débedas e, en termos medios, o sobrecusto que pagan outras comunidades respecto a Galicia é do 2,5%; que tiveron que acudir ao rescate ofrecido polo Goberno central para pagar aos seus provedores; e que se viron obrigadas a tomar decisións excepcionais como baixar salarios aos empregados públicos, ou a facer enormes esforzos para non pechar hospitais ou preservar o seu nivel de prestacións públicas”.
Precisou, Feijóo que, pola contra, ter unhas contas saneadas permitiu á Galicia aforrar 187 millóns de euros só en intereses de débeda; pagar aos seus provedores no entorno dos 45 días, é dicir, por debaixo do prazo que establece a normativa europea; e non ter que tocar o soldo dos funcionarios.
Tamén na súa intervención, Feijóo resaltou que se ben, Galicia sofre a crise económica e sofre a crise financeira; Galicia foi capaz de esquivar a crise do déficit que se instalou no noso país e que é a que con máis présa temos que combater.
Insistiu en que practicar unha política económica responsable, lonxe de condicionar o futuro dos servizos públicos, é o que nos pode permitir melloralos; e lonxe de estrangular as inversións, é o que nos pode permitir crear as condicións para volver estimulalas.
Alberto Núñez tivo palabras para aseverar que as autonomías “poden e deben” ser unha parte esencial da recuperación de España, ao que engadiu que deslexitimalas, tamén, suporía cuestionar o propio Estado do Benestar, “toda vez –resaltou- que son as propias comunidades as que sosteñen os piares da educación pública, a sanidade pública e os servizos sociais públicos”.
Para Feijóo, desacreditar o sistema autonómico no seu conxunto non só é unha conclusión equivocada, senón tamén cruel, ao querer facer pagar a xustos por pecadores. E precisou que, no caso de Galicia, o autogoberno non só non foi un escollo, “senón que durante varios anos foi a nosa única barreira de protección fronte a moitas políticas equivocadas do anterior Goberno central”.
Finalmente expresou o seu compromiso de seguir aproveitando o autogoberno “para responder cada vez mellor “á Galicia como tarefa” e seguir contribuíndo así a España. Neste sentido, concluíu a súa intervención como a empezou, facendo referencia á idea do home que protagonizou o Día das Letras Galega, Valentín Paz Andrade, “que comprendeu que Galicia é unha obra que non termina nunca”.