É festa en Galícia, celebramos neste 17 de maio a quincuaxésima edición do Día das Letras Galegas, adicado a Valentin Paz Andrade, avogado, xornalista, poeta, empresario, intelectual, etc.
Foi no século pasado cando tres insignes académicos: Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego solicitaron, nun informe asinado o 20 de marzo de 1963, a declaración do 17 de maio como Día das Letras Galegas, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, a primeira obra de Rosalía de Castro.
Hoxe tócame traballar en Madrid e non poderei gozar deste día festivo nin asistir a ningún dos moitos actos programados en Galicia, pero iso non impide que me adhira a esta gran celebración.
Transcribo a continuación o texto da declaración que en Bonaval fixo onte o presidente do PP de G, Alberto Núñez.
“Bonaval, 16 de maio de 2012
Amigas e amigos:
A nosa cultura, a nosa lingua, están vivas. Sufriron penalidades, atravesaron momentos difíciles, a súa luz parecía apagarse en épocas aciagas nas que o destino era negro. Pero malia todo están vivas no século XXI. Non seguiron o triste final doutras que esmoreceron sen deixar máis que unha leve lembranza. Hai que preguntarse por qué Galicia consigue cos seus sinais de identidade o que outras comunidades non lograron.
A primeira resposta está aquí. Sempre houbo galegos insignes que non se renderon diante das dificultades. Galegos que sabían que perder o tesouro do noso idioma era como perder unha parte da nosa propia alma. Loitaron por el. Reivindicárono. Rescataron do pobo palabras que estaban condenadas á morte, e fixeron con elas unha cultura capaz de traspasar o tempo. O seu foi un milagre froito da teima por un ideal fermoso.
A segunda resposta está fora, na nosa xente, na nosa sociedade, en todos os galegos anónimos que sentiron que o idioma era un vencello que non se podía romper xamais. Coidárono como mellor sabían, levárono á emigración como unha propiedade de inapreciable valor, transmitírono ás xeracións posteriores. Eses millóns de galegos non están aquí, pero merecen tamén un panteón na nosa memoria. Formaron un exército invisible e pacífico conxurado para a supervivencia da nosa cultura.
A terceira resposta está nos que se esforzaron en facer da identidade cultural unha ponte e non un muro. Non hai peor inimigo da lingua que o que a utiliza para separar, para establecer lindes ou para establecer diferenzas. As linguas utilizadas como ferramentas de división acaban suicidándose porque o seu propósito é cativo. Perduran as que son gardadas con agarimo por un pobo que quere sentirse unido.
O galego aproximou a galegos afastados. Transformou en comunidade a homes e mulleres separados pola xeografía. O galego foi a nosa gran autovía, cando as infraestruturas eran aínda incipientes.
Vivimos hoxe nun mundo global, ben diferente ao que coñeceron os nosos devanceiros. Galicia recibe innumerables influencias culturais. Estamos diante dun fenómeno que non soamente é inevitable, senón que tamén é bo. Esas influencias enriquécennos, igual que enriqueceu a Galicia o trasfego de peregrinos que fixeron do Camiño a antesala de Europa. Pero tamén temos o dereito e o deber de que a nosa voz se escoite nesa sintonía de culturas.
Nós tamén podemos influír. A nosa lingua e a nosa cultura son unha maneira singular de expresar a realidade, e polo tanto teñen o seu lugar no conxunto da cultura universal. Podemos estar no mundo globalizado despersonalizados, ou coa nosa propia idiosincrasia, aportando os innumerables valores dos que fixeron acopio os nosos pais e avós.
Temos que decidir e a nosa decisión está clara. Querémola deixar patente neste 17 de Maio. Galicia está e estará no mundo tal como é, falando o que fala e desempeñando o seu papel entre os demais pobos de España, de Europa e do mundo.
Pídovos que sexamos axentes activos neste gran reto que o noso idioma ten.
Facede do galego unha ferramenta de unidade e liberdade, útil no traballo, nas relacións sociais e útil nas novas tecnoloxías.
Vede no galego unha parte importante de vós que vos axuda a conectar co pasado e co futuro.
Tede o galego como unha lingua capaz de irmandarse con todas as demais, que non exclúe a ningunha senón que incorpora todas.
Se o facemos, estaremos continuando unha tarefa de séculos que protagonizaron galegos ilustres e anónimos. Non podemos interrompela porque nela está tamén o noso destino como pobo unido, singular e universal.
Moitas grazas.”