Hoxe no impresionante marco do Pazo da Bolsa de Porto celebramos o II Foro Parlamentario hispano-luso, poucos dias antes do Cumio Bilateral Luso-Español, que terá lugar a vindeira semana nesa mesma cidade coa presenza do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy Brei, e do primeiro ministro luso, Pedro Passos Coelho.
Neste Foro tomaron a palabra os deputados lusos e españois que integraban as duas delegacións e que representaban a formacións políticas de diverso signo.
Chegado o meu turno de intervención, comecei facendo unha reflexión sobre como desde a anterior edición do Foro Parlamentario que tivo lugar en Zamora en xaneiro de 2009 transcorreran corenta meses e que a situación de España e Portugal cambiara substancialmente, e hoxe estamos vivindo unha moi critica situación económica e social, da que con esforzo e sacrificio sairemos.
Logo entrei a concretar varios temas:
- En materia ferroviaria:
Dixen que aínda que os proxectos de conexións ferroviarias de altas prestacións entre Portugal e España, neste intre canceláronse pola difícil situación económica e as dispoñibilidades orzamentarias, non debemos renunciar a que no futuro póidanse retomar.
En calquera caso dixen que debiamos traballar para impulsar a modernización do sistema ferroviario actual (tanto en trazados, como en vehículos e en frecuencias), de maneira que se posibilite a prestación dun servizo competitivo e puxen como exemplo a necesidade de mellorar a penosa conexión entre Vigo e Porto- a duración total da viaxe é de 3 horas e 13 min, o que supón unha velocidade media de 56 km/h. - para facela atractiva aos usuarios desta importante eurorexión Galicia-Norte de Portugal.
Tambien aludin á necesidade de impulsar o transporte de mercancías entre ambos os países especialmente nas conexións cos portos, nomeadamente o de Sines e o de Vigo.
- En materia de conexions viarias e a problemática dos telepeaxes:
Tras expor os serios problemas que representa para o usuario non luso cumprir as esixencias do sistema de peaxes establecido por Portugal e o impacto moi negativo que esta tendo sobre as relacións comerciais entre ambos países, pedín que acordásemos instar aos dous Gobernos a que aceleren as negociacións que faciliten a mobilidade e a libre circulación entre os dous países, solventando os problemas comerciais e de facturación así como os de interoperabilidade dos sistemas de pago de telepeaxe das redes de autoestradas de España e Portugal.
- Sobre as telecomunicacións no ámbito transfronteirizo:
Pedín que os dous Gobernos traballasen en materia de telecomunicacións para resolver a falta de infraestruturas comúns nas zonas de fronteira e abordar a necesidade de establecer tarifas planas transfronteirizas e internacionais e excepcións ao sistema de roaming telefónico, para evitar a facturación internacional en zonas fronteirizas.
. Sobre a xestión compartida dos equipamentos transfronteirizos:
Falei de que neste momento de escasez orzamentaria é mais necesario que nunca racionalizar os investimentos e que resulta moi necesario compartir experiencias e realidades materiais.
Neste sentido afirmei que é imprescindible que, para conseguir unha eficacia e unha eficiencia real dos recursos públicos, fagamos unha xestión integrada e compartida dos equipamentos de toda índole: sociais, culturais, deportivos, sanitarios. de protección civil ou turísticos entre concellos veciños, e sobre todo, en zonas de fronteira.
Dixen que debiamos apoiar a fórmula das Eurocidades, na procura de novas formas de xestión compartida dos equipamentos existentes a ambos os dous lados e a realización de proxectos conxuntos, que fortalezan a cohesión social e minimicen no posible o efecto fronteira no seu territorio. Falei do gran traballo que estase a realizar a Eurocidade Verín-Chaves e a de Tui-Valença do Minho.
- Sobre o Camiño portugués a Compostela:
Falei de que Santiago de Compostela, está considerada como unha dos focos de identidade da cultura europea e que durante séculos o pobo portugués peregrinou á tumba do Apóstolo polos diversos camiños da lusitania establecendo entre Portugal e Galicia fecundas canles de intercambio cultural, económico e de pensamento.
Neste senso solicitei o apoio explícito dos dous gobernos ao Camiño Portugués a Santiago, mediante actuacións de delimitación, sinalización e xestión de equipamentos como unha importantísima aposta turística, cultural e de integración entre os dous pobos.
- Sobre os incendios forestais:
Tamén foi de gran interés e actualidade a intervención de Ana Belén Vázquez, a deputada de Bande, quen falou da problemática dos lumes forestais que afectan a ambos Países, pedindo que no ámbito da extinción de incendios forestais, sería moi conveniente coordinar métodos de formación conxunta e de homoxeneización dos sistemas cartográficos de ambos os países. Tamén falou da necesidades de coordinar mellor os medios de vixilancia e a información especialmente nas áreas fronteirizas para prevenir e evitar os lumes, facendo un relato dos problemas acontecidos recentemente no Parque Nacional de Peneda-Gerês-Xurés.
- Sobre o mercado ibérico de electricidade e gas:
Igualmente quero salientar a interesante e documentada intervención do deputado coruñés Antonio Erias, o voceiro de enerxía do GPP, quen falou da situación dos mercados ibéricos de electricidade e gas, invocando a necesidade de superar a situación de "illa" da península ibérica mesta materia impulsando as interconexións.
O Foro rematou no marco da Cámara Municipal de Porto, en presenza do alcalde Rui Rio, co asinamento dunha Declaración polo Vicepresidente da Assemblea de Portugal, Guilherme Silva e a Vicepresidenta do Congreso dos Deputados, Dolors Montserrat.
Declaración que recolle en forma de conclusións a maioría do exposto con anterioridade e que será transmitida ao XXV Cumio Bilateral Luso-Español que comeza o día 8 en Porto.