Hoxe pola tarde o ministro de Economía e Competitividade, Luís de Guindos, compareceu en Comisión para informar, a petición propia, sobre as últimas medidas adoptadas polo Goberno en relación coa restructuración do sistema financeiro.
Así mesmo, a proposta do Grupo Socialista, para abordar as medidas que ten previstas o Executivo en relación con Bankia. De UPyD para aclarr a posición do Goberno sobre "o plan de rescate de Bankia".
Sobre este asunto tamén respondeu ao grupo parlamentario de EU, ICV/EUiA, CHA , que pedía que "explicase a situación na que se atopa o sector financeiro español e en concreto Bankia e o Grupo B.F.A., así como a evolución do proceso que levou a esta situación, as responsabilidades que no seu caso puidese haber nesta, o detalle do volume de recursos públicos destinados ata agora na reestruturación do sector financeiro, así como a súa opinión sobre o papel que unha banca pública puidese xogar na facilitación do crédito ás pequenas empresas e familias no marco da actual crise".
Nun gran ambiente de expectación na Comisión de Economía, da que son vocal, Luís de Guindos, explicou que BFA-Bankia debe aumentar as súas provisións nuns 7.100 millóns e ademais terá que atesourar uns 1.900 millóns para contar cun colchón de capital que lle cubra mellor contra o risco inmobiliario.
Afirmou que Iso eleva o saneamento total do grupo ata os 9.000 millóns, aínda que non quere dicir que esa teña que ser a cantidade que achegue o Estado, aínda que o Goberno parte da premisa de que é necesario apoiar o saneamento do grupo para poder recuperar logo os fondos públicos achegados.
Salientou que o novo equipo xestor deberá renovar os consellos de administración de Bankia e da súa matriz, BFA, xa que "a xestión profesionalizada é un dos requisitos imprescindibles para atraer futuros investidores e garantir a viabilidade da entidade".
Dixo que outras das tarefas do novo equipo liderado por José Ignacio Goirigolzarri será presentar un plan de viabilidade en menos dun mes para que o Estado poida achegar o diñeiro necesario, logo de tomar o control do grupo a través do troco da axuda de 4.465 millóns que recibiu cando se creou.
Explicou que o plan, que deberá ser finalmente aprobado polo Banco de España, recollerá o diñeiro que necesita o grupo para acometer o saneamento do seu risco inmobiliario, uns 9.000 millóns, e para permitir que as contas de 2011 asínense "sen excepcións dos auditores".
Por iso será crave saber a canto ascende o buraco do grupo, que foi o motivo para que a auditora non asinase as contas, co fin de dilucidar canto diñeiro deberá achegar o Estado.
Neste sentido dixo que o Goberno insiste en que apoiará "plenamente as necesidades de capital que resulten do plan de viabilidade que se presente.
Así, ao final do proceso, o grupo BFA-Bankia será "un banco controlado polo Estado e unha das entidades máis solventes e saneadas, de forma que poida aproveitar todo o potencial de crecemento e rendibilidade da entidade", resumiu De Guindos.