Compre resaltar que onte tivera lugar a sinatura por parte do ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete do convenio para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos Plans de Zona das zonas rurais.
Neste acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que “porque Galicia fixo os seus deberes e ten unhas contas saneadas, hoxe podemos materializar 170 millóns de euros que nos permitirán facer realidade inversións no rural galego, para mellorar as posibilidades económicas, o benestar social e, en definitiva, a calidade de vida do medio rural”.
O Goberno galego delimitou un total de 12 zonas rurais con distintos niveis de prioridade que abarcan a práctica totalidade da xeografía galega –Rías Altas e Arco Ártabro, Terras de Santiago, Costa da Morte, As Mariñas, Lugo Central, Lugo Sur, Montaña lucense, Miño Central, Valdeorras, Depresións Ourensás e Terras do Sil, Pontevedra Norte e Rías Baixas, Pontevedra Este e Terras do Miño-; e para cada unha delas elaborou un plan de zona. Case a metade das inversións estarán dirixidas a emprego e benestar no rural; máis do 30% a infraestruturas e equipamentos básicos; e case o 19% a inversións para a protección do medio ambiente.
Estes 170 millóns de euros son fundamentais para que os nosos pobos non sexan abandonados, para fixar poboación no medio rural e garantir a máxima calidade de vida.