Coñecemos hoxe que o ministro de Economía e Competitividade, Luís de Guindos, enviou ao presidente do Eurogrupo, Jean-Claude Juncker, a carta na que solicita, en nome do Goberno de España, asistencia financeira para a recapitalización das entidades financeiras que así o requiran.
O texto íntegro é o seguinte: "Teño a honra de dirixirme a Vostede en nome do Goberno de España, para solicitar formalmente asistencia financeira para a recapitalización das entidades financeiras españolas que así o requiran.
Esta asistencia financeira enmárcase dentro dos termos da axuda financeira para a recapitalización das institucións financeiras. A elección do instrumento concreto no que materializará esta axuda, terá en consideración as diferentes posibilidades dispoñibles na actualidade e aquelas que se poidan decidir no futuro.
O Goberno de España valora moi favorablemente a declaración dos Ministros do Eurogrupo do 9 de Xuño, na que se apoian a determinación das autoridades españolas de reestruturar o sistema financeiro e a súa intención de solicitar asistencia financeira para a recapitalización das entidades financeiras, por un importe suficiente para cubrir as necesidades de capital máis unha marxe de seguridade adicional, ata un máximo de cen mil millóns de euros.
O Fondo para a Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que actuará en representación do Goberno de España, será a institución receptora dos fondos que canalizará ás entidades financeiras.
As autoridades españolas ofrecerán todo o seu apoio na valoración dos criterios de elixibilidade, a definición da condicionalidade financeira, o seguimento das medidas a implantar e na definición dos contratos de axuda financeira, co obxectivo de finalizar o "Memorando de Entendemento" antes do 9 de Xullo para que se poida discutir no próximo Eurogrupo. Neste sentido, os dous exercicios de valoración do sistema financeiro español que acaban de realizar os dous expertos independentes así como a análise FSAP do Fondo Monetario Internacional, deberíanse ter en conta como punto de partida".