Neste momentos de enorme turbulencia nos mercados, desde o PP queremos destacar que a axuda europea á banca española é a clave para o futuro do euro, a credibilidade do proxecto europeo e a solvencia do sistema financeiro.
Compre lembrar que o PSOE tivo oportunidades desde o goberno para sanear o sistema bancario cando os custos financeiros eran baixos e non o fixo. Agora, o Goberno do PP ten que levar a cabo o saneamento bancario que Europa xa realizou entre 2008 e 2009 para que volva fluír o crédito.
Coidamos que as axudas europeas aos bancos deben romper claramente o vínculo entre risco bancario e risco soberano para recuperar a confianza. Neste senso o propio presidente da Comisión Europea alerta de que a contaminación da débeda tería consecuencias moi negativas para os mercados.
Serán necesarias reformas estruturais, incluíndo a unión bancaria e fiscal na Unión Europea. Así Mariano Rajoy expón a necesidade de camiñar decididamente cara á consecución dun supervisor único, un fondo de garantía de depósitos común e un mecanismo de actuación para a restructuración financeira porque todos estamos no mesmo barco.
O principal motivo polo que segue subindo a prima de risco é porque os investidores están perdendo a confianza na moeda única. España, como parte da zona euro, forma parte dos países que están no foco de desconfianza.
Por esta razón, a penalización dos mercados non se corresponde nin coa potencialidade económica española nin cos esforzos que se están levando a cabo, algo que agardamos se acabe recoñecendo nas próximas semanas.
O obxectivo de todos os Estados membros debe ser a defensa do euro, por encima de todo, como un proxecto irreversible. As decisións que se tomen nas próximas citas europeas serán claves para o futuro da moeda común.