viernes, 15 de junio de 2012

Reformas no sector do transporte


No Consello de Ministros celebrado hoxe foi analizado un informe sobre o Anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei de Ordenación dos Transportes Terrestres, e que polo tanto no futuro terá que pasar pola Comisión de Fomento do Congreso

A vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, asegurou que se trata dunha nova reforma estrutural que pretende "mellorar a competitividade, simplificar a burocracia que afecta aos transportistas e incrementar a transparencia e profesionalidade nun sector crave da economía".

O texto analizado, incorpora distintos regulamentos comunitarios, e súmase ás reformas emprendidas polo Goberno para facilitar a relación entra as Administracións Públicas e os cidadáns. Segundo a vicepresidenta, supón "menos burocracia, menos licenzas, máis axilidade e profesionalidade".

A ministra de Fomento, Ana Pastor, que ten responsabilidade en materia de transporte, sinalou que a futura lei incrementa a flexibilidade ás empresas para poder operar no mercado do transporte de estrada.

Dixo que será posible realizar o transporte e as operacións de subcontratación do mesmo cunha única autorización. Ademais, poderanse facer todas as xestións administrativas coa autoridade competente a través de Internet. Deste xeito reduciranse os custos e o tempo de tramitación das solicitudes.

Así mesmo, auméntase de seis a doce mil euros o límite económico para poder acudir ás Xuntas Arbitrais e resolver posibles desacordos nos contratos, segundo destacou a ministra.

Como novos requisitos para dar seguridade xurídica aos clientes, Ana Pastor sinalou que nin a empresa nin o xestor do transporte poderán ser condenados por delitos ou faltas penais nin sancionados por faltas graves nos ámbitos mercantil, social, laboral e de seguridade viaria. Ademais, terán que ter unha sede física, posuír a capacidade financeira necesaria e competencia profesional.

A ministra de Fomento tamén indicou que se reforza o marco legal para impedir o intrusismo. Só poderá contratar e facturar o servizo de transporte quen teña autorización para iso.

Transporte de viaxeiros

Todas as medidas expostas afectan tanto ao transporte de mercancías como ao transporte discrecional de viaxeiros. Mantense o principio de exclusividade no servizo de concesión porque, a xuízo da ministra, "favorece a cohesión territorial e garante a mobilidade de todos os cidadáns por igual, non require de subvencións e os prezos son inferiores e competitivos respecto doutros modelos de transportes".

Ana Pastor tamén explicou que se permitirá realizar o transporte escolar e de traballadores de forma combinada. Isto significa que rutas escolares que non se cubrían agora cubriranse porque poderán viaxar xunto aos nenos as persoas adultas da localidade.

A nova lei establece un canon nas concesións, que pagará o adxudicatario. Farase un rexistro público de contratos, que os cidadáns poderán agora consultar.

A ministra de Fomento confía en que o texto obteña o máximo consenso con todos os actores implicados.

Sen dúbida unha necesaria e interesante reforma.