jueves, 21 de junio de 2012

A realidade dunha resposta do Goberno sobre o AVE

Onte a deputada socialista por Ourense no Congreso difundía unha nota de prensa que titulaba “O goberno confírmalle a Seara que descartou o soterramento das vias de ave en ourense polo seu sobrecusto e escasas vantaxes urbanísticas".
 
Diante esa nota, os deputados ourensáns do PP, Celso Delgado, Guillermo Collarte e Ana Vázquez, difundimos outra nota na que lamentabamos que os socialistas fixeran unha interpretación totalmente sesgada da citada resposta do Goberno para intentar manipular aos ourensáns en relación ás intencións do Ministerio de Fomento respecto da entrada do AVE na cidade.

Neste sentido procede analizar o que literalmente di a resposta do Goberno de data 31 de maio:

1. “O Goberno ten un compromiso reiterado en numerosas ocasións, pola Ministra de Fomento, de levar o AVE a Galicia. Iso implica o acceso por alta velocidade á Cidade de Ourense.”

2. “O proxecto definitivo de como se realizará este acceso e da futura estación do AVE de Ourense, está nestes momentos en fase de estudo”

3. “Nesta fase procederase á análise dos condicionantes actuais. Para iso retomaranse todas as solucións expostas ata a data para a entrada da Alta Velocidade en Ourense e xustificarase razonadamente cal é a máis apropiada na conxuntura actual”

4. “Neste sentido, e en relación á cuestión do soterramento das vías da estación de Ourense, hai que destacar que este xa foi analizado no correspondente Estudo Informativo e descartouse polo sobrecusto e as escasas vantaxes urbanísticas que ofrecía no caso particular de Ourense”

5. “A análise dos condicionantes actuais atópase en execución e finalizarase no prazo máis breve posible”

Exposto o anterior, resulta evidente que a resposta do Goberno á deputada Laura Seara deixa absolutamente claro que neste momento estanse estudando todas as opcións expostas ata agora, e unha delas é o soterramento, que reclamaron, entre outros: Asociacións empresariais, Cámara de Comercio, Asociacións veciñais, Colexios Profesionais e tamén o Partido Popular.

Na nosa nota aclaramos que a referencia a que se alude no punto 4 da resposta do Executivo corresponde a un antecedente da tramitación, que non é outro que o Estudo Informativo titulado “Integración Urbana e Acondicionamento da Rede Ferroviaria de Ourense” realizado polo Ministerio de Fomento na etapa socialista.

Este estudo, que foi publicado no BOE do 26 de setembro de 2009 non contemplaba o soterramento, e recibiu numerosas alegacións para que se estudase esa posibilidade, o que foi reiteradamente impedido polo goberno socialista.

É un feito coñecido que co cambio de Goberno, o Ministerio de Fomento actual, na procura de consenso entre as tres administracións, está estudando todas as opcións, e entre elas o soterramento, ata agora descartado polos socialistas.
Insistimos en que resulta lamentable que se intente manipular aos ourensáns confundíndolles e mentíndolles con que o soterramento foi descartado, cando a realidade é que os ourensáns tiveron que esperar a ter de novo un Goberno popular e unha ministra galega, Ana Pastor, para que, polo menos estúdese a posibilidade do soterramento.

Tamén debemos mencionar que tal e como se comprometeu a Ministra e o Secretario de Estado nunha reunión co alcalde de Ourense en abril de 2012, preténdese que de forma coordinada co Concello e coa participación da Xunta de Galicia, ata agora excluída das negociacións, articúlese a mellor solución para o acceso á estación actual de Ourense de xeito que analizando os condicionamentos existentes e a conxuntura actual, consígase a maior integración urbanística e funcional.