martes, 31 de julio de 2012

Adxudicadas obras do AVE en Ourense por importe de 402 millons de euros


Fai cinco días, o Consello de Administración do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias aprobou a adxudicación de diversos contratos por valor global de 438.689.087,9 euros (IVE incluído) para executar obras na Liña de Alta Velocidade (LAV) Madrid-Galicia, inscritas no Corredor Norte-Noroeste de Alta Velocidade.

Segundo informou Adif, o investimento máis cuantioso fai referencia á adxudicación das obras de plataforma ferroviaria de catro tramos situados na provincia de Ourense, cuxo importe global de adxudicación ascende a 402.062.116,5 euros (IVE Incluído).

Os tramos de plataforma adxudicados discorren na maior parte do seu trazado a través de túneles e suman unha lonxitude conxunta de 31,2 km.  Están deseñados para unha velocidade de circulación máxima de 350 km/h en vía de alta velocidade de ancho internacional (1.435 mm).

Son os seguintes:

 Túnel do Espiño

O tramo Túnel do Espiño discorre polos termos municipais da Gudiña e Vilariño de Conso e ten unha lonxitude total de 16,3 km, dos que 8,1 pertencen á vía dereita e 8,2 á esquerda.

O investimento aprobado para esta infraestrutura ascende a un total de 210.721.070 euros (IVE incluído), dividida en dous contratos: un de 112.903.669,6 euros (vía esquerda), adxudicado á UTE formada por Obrascon Huarte Laín, Construcións Adolfo Sobrino e Asfaltos e Construcións Elsan, e outro de 97.817.400,4 euros (vía dereita), adxudicado á UTE formada por Ferrovial Agromán e Castillejos Compañía de Obras.

Os prazos de execución son de 33 meses en ambos os casos.

Tramo Vilariño-Campobecerros

O tramo Vilariño-Campobecerros conta cun orzamento de adxudicación de 191.341.046,5 euros (IVE incluído), dividido en dous contratos: un de 97.864.376,2 euros (vía esquerda, de 7,9 km de lonxitude), adxudicado á UTE formada polas empresas FCC Construción, Contratas e Vendas e Construcións e Obras Llorente, e outro de 93.476.670,3 (vía dereita, de 7 quilómetros de lonxitude), adxudicado á UTE formada por Acciona Infraestruturas e Cyes Infraestruturas.

Os prazos de execución de ambas as actuacións son de 38 e 37 meses, respectivamente. O trazado deste tramo discorre polos termos municipais de Castrelo do Val, A Gudiña e Vilariño de Conso.


 Subministración e transporte de desvíos ferroviarios

Ademais dos contratos anteriormente citados, o Consello de Administración de Adif aprobou na mesma reunión a adxudicación dun contrato de subministración e transporte de desvíos ferroviarios para o tramo Olmedo-Zamora da LAV Madrid-Galicia.

A adxudicación fai referencia á Fase I do proxecto, e circunscríbese aos tramos Olmedo-Zamora e Zamora-Pedralba. Trátase da fabricación e transporte de desvíos de alta velocidade aptos para circular a 350 km/h por vía directa e a 220, 160, 100, 80 e 60 km/h respectivamente por vía desviada e as súas transicións de elasticidade.

 O importe de adxudicación deste contrato ascende a 32.142.123,7 euros (IVE Incluído) e conta cun prazo de execución de 18 meses. O contrato adxudicouse á UTE formada polas empresas Amurrio Ferrocarril e Equipos, Felguera Melt, Jez Sistemas Ferroviarios e Talleres Alegría.

Asistencia para o control de obras

 De igual forma, o Consello de Administración de Adif aprobou a adxudicación dos servizos de asistencia para o control das obras de plataforma dos tramos Cerdedelo-Prado e Túnel do Corno (vía dereita), por un importe conxunto de 4.484.847,7 euros (IVE incluído), á UTE formada polas empresas Ginprosa Enxeñería, Inzamac Asistencias Técnicas e SERS Consultores en Enxeñería e Arquitectura. 


 
Despois das citadas adxudicacións de plataforma, soamente restan por entrar na denominada “fase de obras” os dous tramos de acceso a Ourense comprendidos entre Taboadela, Seixalbo e a propia estación ourensá, cunha lonxitude conxunta de 17 km, e o acondicionamento do túnel de Padornelo, de 7,3 km de lonxitude, cuxa actuación está prevista para logo da entrada en servizo da nova infraestrutura. 


Debo felicitar á Ana Pastor, primeira responsable do Ministerio de Fomento do que depende ADIF por ser capaz de impulsar estas tan necesarias adxudicacións nun momento de enormes dificultades económicas e financieiras. 

Espero e desexo que estas obras poidan comezar canto antes e contribúan á dinamización económica do sector das obras públicas e dos servizos asociados e sobre todo á creación de emprego.