Hoxe en Aranxuez nun curso de verán da Asociación de Periodistas Parlamentarios, organizado pola Universidade Rey Juan Carlos I, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo fixo unha importante intervención na que verteu afirmacións que comparto integramente, como a de que“a España das autonomías é viable, fiable e necesaria” e que “a autonomía transformou Galicia” asegurando ademais, que “a cuestión non está no modelo, senón noutros factores alleos, como a cultura de cooperación entre as forzas políticas”.
Falou da superación da Galicia agraria e atrasada, que deu paso ás multinacionais, e destacou tamén que o país recuperou a súa lingua e a súa cultura e fortaleceu “un galeguismo que non busca inimigos dentro nin fóra da comunidade, senón que agrupa en torno a ideais comúns”.
Afirmou que a autonomía foi tamén, explicou, unha ferramenta útil para facerlle fronte ás dificultades económicas, e Galicia soubo “reaccionar a tempo cando a crise aínda era negada tres veces polo Goberno central”. Nese sentido, subliñou que “Galicia foi pioneira en austeridade cando noutras autonomías e no propio Goberno central aínda era xeral a idea de que o gasto público tiña que ser maior e maior”.
Destacou Feijóo, que esa actitude permite que hoxe Galicia sexa “a comunidade con menor déficit orzamentario”, mentres que outras autonomías e o mesmo Goberno central se endebedaron “ata límites que agobiaron a Europa”. “Fixemos de formigas cando outros eran cigarras, e grazas a iso, as nosas medidas de axuste puideron ser moito máis suaves que noutras comunidades”, afirmou.
Apuntou tamén que Galicia non ten que pagar o sobrecusto do 2,5% que pagan outras autonomías respecto a Galicia, non tivo que acudir ás medidas excepcionais habilitadas polo Goberno central para o pago a provedores, nin se veu obrigada a baixar os salarios dos empregados públicos ou a facer esforzos para non pechar hospitais e preservar o seu nivel de prestacións públicas.
No seu discurso, o presidente da Xunta observou que o modelo autonómico se está a converter “nun chivo expiatorio da situación española” e sinalou que “as solucións non poden cinguirse á estrutura autonómica”.
Nese sentido, lembrou que os tres países intervidos pola UE teñen unha estrutura centralizada, mentres que “un dos principais socorristas da Unión Europea”, Alemaña, ten “unha administración moi complexa na que a toma de decisións obriga a complicados pactos territoriais”.
O xefe do Goberno galego resaltou que “nin o federalismo alemán é un obstáculo para a súa mellor situación, nin o centralismo dos nosos veciños portugueses lles garante a estabilidade e o crecemento”.