lunes, 9 de julio de 2012

Investimentos da Xunta en Ourense


Hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou en Ourense que “nesta lexislatura e na seguinte quedará finalizado o gran armazón das infraestruturas fundamentais da Administración de Xustiza de Galicia”.

Visitou as obras do novo edificio xudicial de Ourense, adxudicado por máis de 16 millóns de euros, e dixo que e “un edificio singular desde o punto de vista construtivo, un edificio funcional desde o punto de vista das características técnicas e un edificio tamén eficiente, desde o punto de vista enerxético”.

Segundo Feijóo, son “160.000 cidadáns os que disporán dunhas novas infraestruturas xudiciais, e son 19 concellos os que conformarán unha nova infraestrutura que duplicará o espazo actual xudicial que existe na cidade de Ourense”.

Aproveitou para recordar outras actuacións que o Goberno Autonómico está a levar a cabo en Ourense. Respecto á administración sanitaria, asegurou que “neste mes de xullo empezarase a licitar os primeiros servizos que darán pé ao gran edificio do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para que antes de que finalice o verán podamos licitar a obra de 40 millóns de euros que suporá un antes e un despois na hospitalización e na calidade”.

Do mesmo xeito, apuntou que dentro da axenda sanitaria “faremos tres centros de saúde, o Centro de Saúde do Vinteún, o Centro de Saúde do Couto e o Centro de Saúde da Valenzá en Barbadás”.

Tocante ao Centro de Saúde do Couto, o presidente anunciou que “vai a ser unha realidade” a través “dunha licitación no DOG no mes de xullo e no que a obra se refire, antes de que remate o verán”.

No eido das infraestruturas, o titular da Xunta enunciou que “a primeira autovía que licitou este Goberno foi a autovía entre Ourense e Celanova” e concretou que “a pesares da dificultades, será a primeira autovía finalizada por este Goberno durante esta lexislatura”.

No remate da súa intervención, o presidente adquiriu o compromiso “dunha solución á viabilidade definitiva da estación de montaña de Manzaneda”. “Unha solución para conformar a única estación que vai a ter Galicia dese o punto de vista de inxección de capital, de inxección de investimento e de profesionalización na xestión da estación de inverno”, matizou.

Feijóo fixou agosto como o prazo para “presentar o proxecto definitivo das características e dos contidos dese investimento” que posibilitarán “unha nova Manzaneda”.

O xefe do executivo aseverou que este é “o obxectivo que temos desde o Goberno e que se vai consolidando para mandar unha mensaxe, non só á cidade senón as zonas máis desfavorecidas da provincia, de que a Xunta de Galicia non esquece os seus compromisos por moitas dificultades que existan neste momento”.