lunes, 2 de julio de 2012

Medidas para a prevención e loita contra os incendios forestais


Este fin de semana todos en España vivimos con preocupación os enormes incendios forestais declarados na Comunidade Valenciana, afectando entre outas localidades a Andilla e Cortes de Pallás.

Incendios nos que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente axuda con medios aéreos e humanos nos labores de extinción.

Desde Galicia, onde padecemos con habitualidade esa tráxica lacra,  vemos moi necesario ese apoio e coordinación dos medios da administración central cos dispositivos de extinción das Comunidades Autónomas, e co apoio solidario de todas os dispositivos autonómicos.

Neste sentido compre resaltar que onte comezou a aplicación do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2012) da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Un Plan que este ano, tal e como informa a Xunta,  garante que o número de xornadas efectivas nos montes galegos será moi similar ao exercizo pasado, mantendo a vixilancia e presenza de persoal en toda a nosa Comunidade.

Aos 5.689 efectivos en tempada de máximo risco, haberá que engadir o reforzo de persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado ata completar un operativo de máis de 7.000 persoas.

Cabe salientar que como obxectivo xeral do Pladiga 2012, mantense o de reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes forestais, dentro dos recursos dispoñibles.

Así mesmo, permanecen os fins complementarios establecidos o pasado ano, que se centran en non superar a media de 3 hectáreas de superficie afectada por lume e, en canto ao tamaño dos incendios, manter o número dos maiores de 25 hectáreas por baixo do 2% do total e a porcentaxe daqueles menores de 1 hectárea por riba do 70% do total.

Mantense, ademais, o obxectivo concreto de reducir o número de lumes e a superficie queimada total con respecto da media dos últimos dez exercicios.