miércoles, 25 de julio de 2012

No 25 de xullo o PP de G rende homenaxe a todas aquelas familias da nosa comunidade que están asolagadas pola crise económica e loitan día a día contra ela



Hoxe, é 25 de xullo e quero sumarme ao que siginfica, reproduciendo o manifesto divulgado onte polo PP de G:

"O Partido Popular de Galicia quere manifestar o seu orgullo de pertencer a un pobo formado por persoas boas e xenerosas; por persoas traballadoras e loitadoras.


Porque o Día de Galicia é sobre todo unha homenaxe ao símbolo máis importante da nosa terra: as persoas que viven nela e constrúen día a día o seu presente, o seu futuro, sen esquecer as súas raíces, o seu pasado, a nosa historia colectiva como pobo e sociedade.


E é unha homenaxe non só aos que están aquí, senón tamén a todos aqueles que están máis aló do Padornelo, do Atlántico, en Europa, no mundo. Galicia está alí onde hai un galego.


O Partido Popular, como organización depositaria da confianza maioritaria do pobo galego, quere aproveitar este día para render homenaxe especialmente a todas aquelas familias da nosa comunidade que están asolagadas pola crise económica e loitan día a día contra ela. Non están soas. Constitúen a prioridade máxima pola que os membros deste partido se erguen cada día. Como tamén aqueles que participan dos esforzos colectivos aos que nos estamos vendo obrigados para sacar adiante a Galicia e a España.



Nin sequera nunha xornada de festa coma esta, os populares esquecemos estes durísimos tempos que atravesan Galicia e España, unha inxusta crise que golpea con dureza as familias e aos que teñen menos recursos. Tal día como hoxe, reafirmamos a nosa convicción de seguir dedicando todo o noso tempo a loitar contra esta lacra.


Do mesmo xeito, o Partido Popular de Galicia quere aproveitar o simbolismo do 25 de xullo para reivindicar o galeguismo integrador, reformista, responsable, aberto á pluralidade social, esencia de este partido desde o día da súa fundación.


Creemos nun galeguismo asentando na cordialidade, no entendemento, que abrigue as diferentes posturas e formas de concebir o futuro da nosa comunidade. Creemos nun galeguismo harmónico para todos e todas.


Queremos consolidar un xeito de entender o país que non peche camiños, senón que os abra; que non deixe a ninguén fóra.


En este 25 de xullo tamén redoblamos o noso compromiso co autogoberno de Galicia. Hoxe máis que nunca, o autogoberno non é unha palabra baleira de contido nin limitada a discursos, senón que representa unha realidade palpable, con consecuencias efectivas. Hoxe, o autogoberno é o que permite a Galicia ser a comunidade menos endebedada de España, ordenar responsablemente a súa economía e garantirlle ao cidadán servizos básicos de calidade. Este é o valor real da autonomía política, e o PP exercítaa baixo o único criterio de interese xeral dos galegos.


O noso galeguismo tamén é europeísta. Galicia, como punto de encontro crucial desde o que Europa comezou a coñecerse a través do Camiño de Santiago, só pode identificarse con actitudes que sumen forzas e multipliquen enerxías.


Por outra banda, tamén entendemos que o galeguismo debe ser reformista: debemos estar espertos, especialmente nos tempos que corren, para detectar o malestar social e darlle resposta, porque un sistema democrático é o único capaz de rectificarse. Debémonos aos galegos e galegas. Os seus problemas son as nosas obrigas, as súas preocupacións son a nosas tarefas pendentes. Non podemos estar de costas á cidadanía que agarda de nós solucións e non escusas.


Este é o galeguismo que defendía o fundador do noso partido, don Manuel Fraga, e ese é o único galeguismo que representa a esencia de Galicia. Hoxe, o Partido Popular ten un recordo especial para don Manuel, unha personalidade que fraguou a Galicia moderna e aberta que hoxe coñecemos. Sen o seu legado, hoxe estaríamos celebrando o día dunha Galicia ben distinta.


Desde o Partido Popular sabemos que o galeguismo non é patrimonio de ningunha sigla, de ningunha ideoloxía, de ningún dirixente político. É a casa común de todos os que o fan posible día a día, sentíndose galegos sen deixar de sentirse españois, sumando esforzos para construír o futuro desta gran terra. É ese galeguismo cotián o que fai de Galicia un país único, porque únicas son as súas xentes.


Por todo isto, os populares temos un compromiso inquebrantable con Galicia e cos galegos, pola súa lealdade e pola confianza depositada en nós. Iso fai que, para o partido que máis se parece ao pobo galego, o Día de Galicia sexan os 365 días do ano e non só o 25 de xullo"


Por certo e a título meramente informativo,  para os seguidores deste Blog, dicirlles que esta entrada que publico hoxe,  é a número 1.000 desde que comecei con este vehículo de comunicación en agosto do ano 2009.