Esta mañá participei na reunión da Deputación Permanente do Congreso dos Deputados, que aprobou a convocatoria dunha sesión extraordinaria do Pleno da Cámara para os días 17, 18 e 19 de xullo e tamén da Comisión de Industria, Enerxía e Turismo para que o ministro, José Manuel Soria, informe sobre o conflito laboral na minería do carbón, a petición de EU, ICV-EUiA, CHA, e da posición do Goberno en relación coa negociación e o diálogo sobre o cumprimento do Plan da Minería do Carbón cos sindicatos do sector e outros axentes sociais, a proposta do Grupo Socialista.
No Pleno do martes 17 debateranse dúas proposicións non de lei sobre medidas relacionadas cos incendios forestais, unha do Grupo Popular e outra do Socialista; e votaranse as propostas de designación do Defensor do Pobo, catro maxistrados do Tribunal Constitucional e conselleiros do Tribunal de Contas.
O mércores celebrarase unha sesión de control ao Goberno e o xoves veranse mocións consecuencia das interpelacións urxentes formuladas a semana pasada.
Igualmente debatéronse na Deputación Permanente varias peticións de comparecencia en Comisión dos ministros de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente; Interior; Defensa; Industria, Enerxía e Turismo; Sanidade e Servizos Sociais; Emprego e Seguridade Social; e Facenda e Administracións Públicas, así como unha sesión extraordinaria do Pleno para votar a solicitude dunha comisión de investigación.
A petición formulada polo Grupo Socialista de que se acorde a celebración dunha sesión extraordinaria da Comisión de Industria, Enerxía e Turismo para que o ministro dea conta da posición do Goberno en relación coa negociación e o diálogo sobre o cumprimento do Plan da Minería do Carbón cos sindicatos do sector e outros axentes sociais, quedou aprobada por unanimidade.