Nestes últimos dias cheos de sobresaltos e dificultades, coñecemos a través dos distintos medios de comunicación as manifestacións de José María Castellanos Presidente executivo de Novagalicia Banco e de César González-Bueno, Conselleiro delegado de Novagalicia Banco.
Fun cliente das dúas Caixas fusionadas e agora convertidas en Banco, desde que comecei a ter uns aforros. A primera cartilla abrina sendo estudante e traballei dende aquela sempre coa antiga Caixa de Aforros provincial de Ourense, logo Caixanova e desde fai décadas tamén con Caixa Galicia. Fíxeno por proximidade e por consideralas como as nosas entidades propias que apoiaban ao noso tecido produtivo e canalizaban o aforro de miles de galegos, incluidos os da diáspora.
Como cliente e tamén como político apoiei o proxecto dunha entidade con sede en Galicia que asumise un maior compromiso co noso desenvolvemento económico e que apoiase a tan necesaria obra social e cultural.
Por elo valoro positivamente as desculpas dos máximos executivos no nome do banco polo que se fixo mal na etapa anterior.
Certamente os clientes merecerían un recoñecemento público dos erros, unhas palabras de desculpa e un compromiso firme de buscar solucións, especialmente por ter comercializado preferentes entre os clientes particulares que non tiñan coñecementos financieros e perdón polas abusivas indemnizacións que percibiron algúns exdirectivos das antigas caixas. E tamen perdón , por algúns investimentos moi imprudentes e inexplicables que se realizaron no pasado.