Comeza o mes de agosto cunha noticia relevante no ámbito da Comunidade como é a aprobación polo Consello da Xunta de Galicia do teito de gasto para 2013 en 8.481 millóns de euros.
Con esta decisión Galicia amosa que ten como obxectivo cumprir un ano máis unha senda de equilibrio nas contas públicas e de cumprimento do déficit público pactado coa Unión Europea. Reducese un 3,3% o teito de gasto respecto ao teito de gasto axustado no ano 2012; é dicir, reducese un 3,3% as posibilidades de gasto real sobre a disponibilidade de gasto real do ano 2012.
Na rolda de prensa posterior, Feijóo afirmou así que o Executivo galego seguirá aplicando a política rigorosa e responsable no ano 2013, “comezando –dixo- por un teito de gasto realista, acorde coa situación do momento, acorde coas prioridades do momento e acorde coa mellor situación na que se atopa Galicia”. “Acorde coa situación deste momento, dada a mala evolución económica de España no ao 2012 e tamén durante boa parte do ano 2013. Acorde coas prioridades deste momento, é dicir, o cumprimento do déficit público comprometido coa UE, onde temos que baixar a metade do déficit público, do 1,5% ao 0,7%. E acorde coa mellor situación na que se atopa Galicia, de xeito que se prevé novamente que a economía galega teña un comportamento mellor que a economía española e de xeito que o impacto do axuste que teremos que efectuar no ano 2013 será o mínimo posible”, explicou.
Logo de precisar que, na práctica ese impacto será realmente de un pouco máis do 1%, o titular da Xunta incidiu en que o teito de gasto permitirá, por quinto ano consecutivo, blindar o gasto social.
Feijóo subliñou tamén que o teito de gasto converte a Galicia nunha das comunidades autónomas que, neste momento de incerteza, antes presenta o seu marco presupostario para 2013. “E un teito de gasto –engadiu- probablemente co menor impacto que teña que realizarse nunha comunidade autónoma no conxunto do Estado autonómico, porque vimos reducindo de forma continuada pero de forma razoable o presuposto. Hai que reducir gradualmente as contas públicas e Galicia decidiu facelo así e, hoxe, temos unhas contas públicas un 20% máis contidas que cando empezamos na lexislatura”.
Por último, Feijóo lembrou que se Galicia, a pesares da crise, segue mellorando os seus servizos públicos é como consecuencia da política responsable e rigorosa: “Aplicamos unha política rigorosa e responsable nada máis chegar no ano 2009 e modificamos os orzamentos herdados porque eran orzamentos inflados nos ingresos e, en consecuencia, con grandes buratos económicos. No ano 2010 e no ano 2011 fixemos un esforzo de austeridade e de racionalización que nos levou a reducir o presuposto da comunidade nun 15%. E no ano 2012, convertémonos na primeira comunidade que aprobou unha Lei de teito de gasto, que agora é obrigatorio aprobar por parte das Cortes Xerais para todas as contas da Administración central. Somos a única comunidade que cumpriu os obxectivos de déficit público no ano 2009, 2010, 2011, 2012 e temos o compromiso de cumprilos no ano 2013”.
A aplicación dunha política rigorosa e responsable ao longo de toda a lexislatura tense traducido, segundo o presidente do Goberno galego, en que Galicia é unha comunidade que está nunha situación financeira menos complexa que a maioría das comunidades e en que mentres outras comunidades se ven obrigadas a adoptar decisións drásticas, Galicia ten unhas contas saneadas que nos permiten non ter que tomar decisións tan abruptas e que nos permiten reducir o impacto dalgunhas medidas ás que se ve comprometido o Goberno central.
“Mentres outras autonomías teñen que seguir adoptando neste ano medidas drásticas, facer os deberes suponnos seguir adoptando medidas pero non con tanta intensidade como as que, lamentablemente, outras administracións teñen que adoptar. Supón non ter que acudir, por exemplo, aos mecanismos extraordinarios de pago a provedores; facer investimentos en infraestruturas sanitarias; que os pensionistas galegos non teñan que adiantar os cartos dos seus fármacos ou, por exemplo, que conxelaramos as taxas universitarias da primeira matrícula e que Galicia se converta na comunidade coas taxas universitarias máis baixas de España”.