jueves, 23 de agosto de 2012

Sobre as pensións contributivas da Seguridade Social


Hoxe o Ministerio de Emprego e Seguridade Social difundiu a información de que a nómina mensual das pensións contributivas da Seguridade Social alcanzou o pasado 1 de agosto no conxunto de España os 7.429,15 millóns de euros, un 4,4% máis que no mesmo mes do pasado ano.

A pensión media de xubilación alcanzou os 948,81 euros, un 3,4% máis  respecto ao mesmo período do pasado ano. En canto á pensión media do Sistema, que comprende as distintas clases de pensión (xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares), situouse en 831,54 euros ao mes, o que supón un aumento interanual do 3,1%.

O número de pensións contributivas rexistrou no 1 de agosto un total de 8.934.220, isto equivale a un incremento interanual do 1,3%. Máis da metade destas prestacións son por xubilación, 5.338.390; 2.324.218 corresponden a viuvez; 944.889 a incapacidade permanente; 288.263 a orfandade e 38.460 a favor de familiares.

Polo que a Galicia refírese o número de pensións contributivas rexistrou en agosto un total de 733.227 sendo a pensión media de 697,85 €.

En Ourense o número de pensións contributivas en agosto ascende a un total de 108.828, das que 9.560 son de incapacidade permanente, 69.190 de xubilación, 26.346 de viuvez, 2.576 de orfandade e 1.156 en favor de familiares. 

A pensión media do Sistema dos ourensans ascende a 607,77 € e a de xubilación a 661,82 €.