miércoles, 19 de septiembre de 2012

A sinatura dos contratos entre Pemex e os estaleiros Navantia e Barreras: axuda a recuperación do naval galego


Unha extraordinaria noticia foi a sinatura hoxe en Compostela dos contratos que Pemex subscribiu co estaleiro Navantia e co estaleiro Barreras, en presenza do Presidente da Xunta de Galicia.



A contratación comprende un flotel en Ferrol e outro en Vigo e suporá un investimento de 380 millóns de dólares que garantirá un emprego de máis de dous anos a un total de 3.000 persoas.


Feijóo explicou que “o flotel que comezará a construírse para a petroleira na ría de Ferrol, e que consigue xirar o rumbo do estaleiro público, logo de sete anos sen un so pedido, fará que as gradas ferrolás volvan encherse cun investimento de 190 millóns de dólares; cunha carga de traballo de máis de 30 meses e, en consecuencia, cunha viabilidade inmediata do estaleiro e da industria auxiliar de Ferrol.


No tocante ao flotel que comezará a construírse para Pemex na ría de Vigo, afirmou que xa é un feito que consigue disipar os temores do sector. “Máis de 190 millóns de dólares, máis de 1.500.000 horas de traballo e máis de 1.500 persoas traballarán neste barco. Unha gran esperanza, que haberá de completarse proximamente cos novos encargos de 14 remolcadores: sete construídos integramente en Galicia e outros sete en colaboración cos estaleiros mexicanos”.


Feijóo concluíu subliñando que a carga de traballo que hoxe se firma é unha boa noticia para Ferrol e para Vigo “pero, sobre todo, é unha boa noticia para Galicia, xa que nos permite ter a seguridade de que podemos crer en nós mesmos, e na nosa propia forza para crear oportunidades que nos permitan iniciar o crecemento económico”.


E de xustiza, resaltar o papel xogado polo presidente Alberto Núñez Feijóo, quen no mes de abril visitou ao país azteca, e conseguiu o obxectivo de incluír na axenda internacional do goberno de España e do Goberno de México a posibilidade dun acordo estratéxico entre a petroleira Pemex e o sector naval galego.

Acordo que despois de meses de intenso traballo chegou a bo porto.

Noraboa a todos, empezando por Feijóo.