Esta mañá asistín en Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense ao almorzo organizado por Nova Economía
Fórum no que na Tribuna Galicia interveu o presidente da Xunta de Galicia,
Alberto Núñez Feijóo, que foi presentado pola Ministra de Fomento, Ana Pastor .
Diante dun amplo auditorio, o presidente da Xunta, afirmou
que Galicia está mellor disposta para empezar un gran salto adiante cara ao
crecemento cun Ourense “forte e comprometido”, con proxectos tan importantes
como a ampliación do Hospital Público, a Autovía de Celanova ou unha ‘nova
Manzaneda’.
Feijóo subliñou que a pesar das limitacións presupostarias
históricas que ten actualmente a Xunta, o Goberno galego ten outorgado un papel
para que Ourense non se pare e poida contar con proxectos importantes. E, neste
sentido, expresou a satisfacción de que se eliminase a incerteza creada pola
anulación do Plan Xeral de Ordenación Urbana, facendo posible o desenvolvemento
urbanístico; “e de que esteamos traballando –engadiu- con intensidade para
dotar á capital da provincia ourensá dun ordenamento estable e definitivo, como
xa fixemos noutra decena de municipios ourensáns”.
Así mesmo, precisou que o novo edificio xudicial de Ourense será unha realidade en 2013 grazas a un investimento superior a 16 millóns, “e
que se integra nunha aposta máis ampla pola modernización da planta xudicial
ourensá. Estou falando do Barco, de Verín e doutras reformas importantes de
edificios xudiciais na provincia, que supuxeron máis de 30 millóns de
investimento”.
“Conseguimos impulsar a Autovía de Celanova, que xa está
executada nun 75% e que será unha realidade antes de que remate este 2012,
traballar conxuntamente co Concello na definición da estación intermodal e
abrir paso á posibilidade do transporte metropolitano. Avanzamos na mellora da
rede de saneamento e abastecemento, contribuíndo a mobilizar un investimento
superior a 100 millóns de euros; e especialmente salientable é o desbloqueo
definitivo da EDAR de Reza que por fin xa ten sido licitada polo Goberno de
España”.
Amais destes proxectos, Feijóo destacou a aposta pola
calidade de vida dos ourensáns non só na cidade, senón da provincia:
“investimos máis de 182 millóns para a modernización das infraestruturas
rurais. Ourense ten sido a provincia máis beneficiada polos investimentos do
Plan Hurbe e mobilizáronse máis de 30 millóns de euros para que o 92% dos
ourensáns teñan acceso a internet, fronte ao 58% que dispoñía de banda larga ao
comezo da lexislatura”.
No eido da sanidade pública, Feijóo lembrou que esta mesma
semana materializarase a licitación dos novos centros de saúde públicos do
Couto (Ourense) e de Valenzá (Barbadás). “Súmanse á construción ou mellora
doutros sete ambulatorios, cun investimento de máis de 11 millóns”, salientou.
“E cumprimos a palabra dada no que se refire ao Hospital
Público, dando resposta a unha demanda social. E, nos próximos días, unha vez
autorizado o gasto polo Consello da Xunta, publicarase no Diario Oficial de
Galicia a obra do Hospital Público, nunha primeira fase de 58 millóns, onde se
albergará o edificio de hospitalización deste complexo, e lle seguirán unha
segunda e terceira fases para mellorar as consultas e os servizos centrais, cun
total de investimento de 135 millóns”.
Amais deste investimento, destacou que desde Ourense
comezarase a definir como será o hospital do futuro en Galicia, centralizando
os investimentos do Hospital 2050, conseguidos na UE; “un convenio que
comezamos a desenvolver hai unhas semanas cun investimento de 3,3 millóns para
os equipos enerxéticos e poder aforrar 10 millóns de euros en dez anos”.
Logo de precisar que o Plan Impulsa Ourense ten permitido
apoiar unha véntena de grandes investimentos empresariais que mobilizaron máis
de 50 millóns de euros, Feijóo referiuse á Estación de Manzaneda e afirmou que
os ourensáns poden sentirse satisfeitos de ter atraído o interese dun inversor
para garantir o futuro a longo prazo da sociedade. “Logramos unha solución
viable para que a nova Manzaneda teña posibilidades de aproveitamento durante
todo o ano e, o máis importante: non haberá destrución de emprego na montaña de
Manzaneda”.
Neste senso, Feijóo concretou que, no primeiro semestre de
2013, as instalacións estarán remodeladas con importantes activos innovadores.
“A nova Manzaneda comezará a funcionar como complemento do principal reclamo
turístico da provincia, que é o termalismo, polo que tamén temos apostado de
forma importante ao longo desta lexislatura a través dun investimento de 12
millóns”.
O responsable do Executivo galego salientou que ser unha
comunidade solvente e practicar unha política económica rigorosa permite
blindar e mesmo mellorar o Estado do Benestar e ter logrado: máis educación, “e
só na provincia de Ourense, máis de 5.000 escolares dispoñen dun ordenador para
formarse e máis de 6.000 reciben clases en galego, en castelán e en inglés”;
máis sanidade pública, coa ampliación do hospital público; e máis servizos
sociais públicos, “cun incremento do 11% das prazas de residencias e un 21% das
prazas de escolas públicas para nenos de 0 a 3 anos e con máis do dobre de
prazas de centro de día”.
Feijóo concluíu a súa intervención, reiterando que Galicia non é soamente
pioneira en medidas que logo se aplicaron no conxunto de España, senón que é a
proba de que o Estado das autonomías segue a ser unha ferramenta útil. “Sen
crise e con crise”, aseverou e afirmou que os países social e politicamente
fortes poden superar a incerteza coa unidade; “e, pola contra, aqueles outros
que se dividen, que carecen dunha tripulación axeitada e non teñen unha brúxula
que lles permita albiscar o norte, están condenados ao naufraxio”.
Mentres que outros dicían que as medidas da comunidade
galega eran esaxeradas ou estaban ditadas pola ideoloxía, o titular da Xunta
asegurou que as medidas, pola contra, estaban ditadas pola realidade.
Deste xeito, Feijóo explicou que unha das leccións desta
crise é que non se poden diferenciar os países ou comunidades en función de se
toman ou non medidas de axuste, senón de se as toman a tempo ou a destempo. E
lembrou varios casos que resultan ilustrativos como o caso de Cataluña, que
sofre as consecuencias de gobernos que negaron a crise e que asociaron
catalanismo e despilfarro.
Fóra do país, referiuse ao novo presidente da República
francesa, que inicia o seu mandato contrapoñendo o crecemento ao axuste, e
propoñéndose como modelo para unha resposta socialdemócrata á crise; pero que,
pasados uns meses, vese obrigado a reaccionar cun paquete de medidas duras que
están en liña coas que se veñen aplicando no resto de Europa.