jueves, 6 de septiembre de 2012

Galicia: unha Comunidade solvente e que paga as súas facturas


Paréceme pertinente salientar o feito dado a coñecer hoxe polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello do Goberno de que no pasado mes de agosto, o Executivo realizou un esforzo adicional de pagamento a provedores polo importe de 150 millóns de euros, priorizando tres tipos de gasto: a autónomos e pequenas empresas, ás entidades sociais e ás empresas de certificación de obras.

Asegurou que a axilidade no pagamento a provedores é “unha prioridade que establecemos desde o primeiro día”, e afirmou que cos datos da Consellería de Facenda correspondentes ao 1 de setembro, o aboamento das facturas se mantén no contorno dos 50 días.

Feijó resaltou que desde o inicio do mandato o Goberno tentou “manter o compromiso de esforzar toda a tramitación para que os provedores da Xunta de Galicia fosen menos castigados pola crise económica e fosen menos castigados pola falta de liquidez das administracións públicas españolas”.

 Afirmou que “ter as contas en regra non é só un obxectivo en si mesmo, senón que axuda a xerar confianza, axuda, sen ningunha dúbida, a decidir investimentos estranxeiros na Comunidade e axuda a recuperar a economía de Galicia” engadindo que esta situación permite, ademais, “cumprir obrigas”. 

Neste sentido, remarcou que, coas dificultades que están a pasar todas as administracións públicas, “Galicia mantén o seu compromiso de pagar as súas facturas coa maior dilixencia posible e nos menores prazos do conxunto das administracións públicas autonómicas do Estado.”

Feijoo insistiu en que a actual situación de liquidez “deriva dun traballo continuado durante toda a lexislatura, dunha presupostación realista, en primeiro lugar, de non presupostar ingresos que despois non se producen, e deriva tamén do propio prestixio que ten a Xunta de Galicia nos mercados de débeda”.

A ese respecto, informou de que a nosa é “a única Comunidade autónoma que cumpriu e executou o seu programa de endebedamento completo no ano 2011” e a única “que no ano 2012 ten xa colocada a metade da débeda autorizada polo Consello de Política Fiscal e Financeira”.

Feijóo apuntou que isto permite “atender con normalidade e nun tempo razoable ao tesouro da Comunidade autónoma, pensando sempre nos pequenos provedores, nas pequenas empresas e nos gastos sociais”. 

“Isto nos permite que de 50.000 millóns de euros que o Goberno de España puxo á disposición de comunidades e concellos, Galicia pedise cero euros, e polo tanto Galicia siga a ser a comunidade máis solvente do Estado autonómico”, enfatizou.