viernes, 28 de septiembre de 2012

Incentivos ao Vehículo Eficiente: unha decisión acertada



Compre destacar que o Consello de Ministros celebrado onte recibiu un informe do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo sobre a posta en marcha, do Programa de Incentivos ao Vehículo Eficiente (PIVE), cuxo obxectivo é a substitución de 75.000 vehículos, turismos e comerciais lixeiros, con máis de doce anos e dez anos de antigüidade respectivamente, por modelos de alta eficiencia enerxética, de menor consumo de combustibles e emisións de CO2. 


A renovación do parque de vehículos constitúe unha das principais ferramentas de promoción da eficiencia enerxética no transporte e a incorporación ao mesmo de novos modelos, con tecnoloxías máis eficientes, permite reducir o consumo específico do transporte de viaxeiros e mercancías, co efecto engadido de reducir os impactos ambientais e mellorar a seguridade. 

Estímase que o aforro enerxético asociado ao Programa PIVE, dotado cuns fondos de 75 millóns de euros e vixente desde o 1 de outubro de 2012, e ata o 31 de marzo de 2013 ou esgotamento dos fondos, ascende a 26,1 millóns de litros de combustible/ ano. Iso significa, en termos económicos e ao prezo actual do barril, un aforro de dezaseis millóns de euros/ano, ao que hai que engadir unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro de 54.000 toneladas/ano de CO2. 

O transporte, principal consumidor de enerxía final 

O sector do transporte en España é o principal consumidor de enerxía final (37,4 por 100 en 2010), así como o principal emisor de gases de efecto invernadoiro (29,5 por 100 do total no mesmo ano), enfrontándose a un importante reto nos próximos anos para conseguir que o noso país cumpra cos compromisos internacionais en canto a sustentabilidade ambiental e limpeza de aire nas cidades. 

O sector caracterízase, ademais, por ter unha estrutura de consumo dominada por produtos petrolíferos importados practicamente na súa totalidade, o que contribúe á elevada dependencia enerxética de España do exterior, próxima ao 80 por 100, moi superior á media europea que é do 54 por 100, cos consecuentes efectos no déficit exterior e na inflación. 

Doutra banda, a considerable caída de vendas de vehículos rexistrada en España nos últimos anos provocou un envellecemento do parque de vehículos do noso país que implica que sexa menos eficiente e segura e, xa que logo, máis custosa. 

Beneficiarios e contía da axuda 

Poden ser beneficiarios da axudas, particulares, profesionais, autónomos, microempresas e pemes. 

O beneficiario obteraas directamente, mediante o desconto correspondente no punto de adquisición do novo vehículo, é dicir nos concesionarios, que previamente se tiveron que adherir a este Programa mediante un procedemento regulado e publicado na páxina web www.idae.es. Os cidadáns poderán consultar a listaxe de establecementos adheridos nesa mesma páxina. 

A contía da axuda pública achegada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo é de mil euros por vehículo. A eses mil euros súmase o desconto que ha de aplicar o fabricante ou importador do novo vehículo incentivable na factura de compravenda e que será, como mínimo, de mil euros. 

A contía do desconto para o beneficiario será, xa que logo, de dous mil euros como mínimo. 

Esta axuda é compatible con outras vixentes a condición de que estas proveñan de fondos propios das Comunidades Autónomas e de fondos europeos. 

Requisitos para acollerse ás axudas 

Os vehículos susceptibles de acollerse ao programa poderán ser novos ou de antigüidade non superior a un ano desde a súa primeira matriculación, deberán cumprir os seguintes requisitos que se poden consultar na web: www.minetur.es e www.idae.es 


Celebro esta medida, que terá reroenos fiscais para o Estado e que contribuirá a dinamizar o sector de automoción que é un dos de maior peso na economía nacional, pola súa capacidade de xerar renda e emprego nas industrias fabricantes e auxiliares de compoñentes, na rede de distribución, nos talleres e nas moitas empresas de servizos vinculadas ao automóbil. 

Un sector que pola crise afronta unha enorme debilidade do mercado interior e que afecta ás nosas plantas fabricantes en España, pois a súa fortaleza e solidez é un factor de localización decisivo.

Estou seguro do éxito deste Plan, como dos outros que o precederon e polo que tanto traballamos na pasada lexislatura.