Onte coñecimos a excelente noticia da aprobación do gasto plurianual para a licitación da obra do novo edificio de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, por un importe de 58 millóns de euros.
Como afirmou o Presidente Feijoo, esta obra suporá: unha mellor atención sanitaria, xa que arredor do 60% das habitacións serán individuais; unha mellor accesibilidade, cun párking de máis de 630 prazas distribuídas en dúas plantas; e unha maior innovación, xa que esta nova unidade de hospitalización contará cunha planta dedicada á innovación, na que se situará a robotización integral do hospital e do paciente.
Pola súa banda, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, destacou que esta infraestrutura contará con sete plantas de hospitalización e cunha estrutura moito máis funcional, na que as relacións entre os distintos bloques quedarán perfectamente garantidas. “Trátase dunha hospitalización pensada para o futuro, con máis zonas verdes, con mellores accesos, cuns pasillos moi amplos, con ventilación e iluminación posterior e con 22 habitacións en cada unidade”.
Deste xeito, precisou que a hospitalización contará con 640 camas en unidades polivalentes; 94 camas en unidades específicas; 64 camas en unidades de críticos e 134 en outras unidades. “É dicir, a capacidade de hospitalización aumentará un 14 por cento”.
No tocante aos aspectos máis innovadores, a conselleira de Sanidade afirmou que será un hospital totalmente autosostible e totalmente bioclimático; cun sistema de trazabilidade integral para os pacientes para evitar todos os erros que se podan producir; onde se desenvolverán os programas do fogar dixital; con espazos de terapias alternativas experimentais e a robotización integral tanto de medicación como de todos os produtos sanitarios.
Desde logo, feitos como este acreditan o compromiso coa sanidade publica.