As pensións revalorízanse o 1%
O gasto en pensións aumenta nos PGE para 2013 o 4,9% fronte a 2012 ata un total de 121.557 millóns de euros, incluído un incremento do 1% de todas as pensións. As achegas do Estado para o financiamento das prestacións non contributivas alcanza os 6.662 millóns de euros.
Seguridade Social
Compre salientar que o orzamento da Seguridade Social para 2013 atende ao cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria 2013-2015 e límite de gasto non financeiro do Estado para o próximo ano. Neste contexto, o obxectivo que se prevé é o equilibrio orzamentario do organismo. Así as liñas de actuación do orzamento da Seguridade Social perseverarán na austeridade e na eficiencia no gasto sen renunciar ao incremento das pensións nun 1%.
O orzamento consolidado de ingresos non financeiros da Seguridade Social ascende a 125.681,96 millóns de euros, o que representa un incremento do 4,8% en relación ao de 2012. As cotizacións sociais, principal fonte de financiamento, suman 105.863,21 millóns de euros, o 82,6% do orzamento total. En 2013, os ingresos por cotizacións de empregados e traballadores ocupados aumentan un 1,6%.
No exercicio de 2013, a Seguridade Social contará con achegas do Estado por un total de 15.553,79 millóns de euros, o que supón un incremento de 6.662,14 millóns respecto de 2012, un 74,9% máis. Destaca a achega destinada á cobertura dos complementos para pensións mínimas, que crece en termos interanuais un 107,4%, o que supón un volume de 4.088,98 millóns de euros. Esta achega permite complementar, cun ano de antelación, o financiamento estatal dos chamados complementos a mínimos. Outra achega que incrementa as achegas do Estado á Seguridade Social é o financiamento de obrigacións de exercicios anteriores de pensións non contributivas, prestacións familiares e cotas de coidadores non profesionais, que alcanza os 2.309,42 millóns. Estas cifras confirman a aposta do Estado por garantir a sustentabilidade do sistema de Seguridade Social.
Ademais, para a atención á dependencia, o Estado transferirá 2.205,76 millóns de euros, dos cales 1.087,18 millóns de euros corresponden ao financiamento do mínimo garantido polo Estado e 1.034 millóns, ás cotas dos coidadores non profesionais.
Polo que respecta ao orzamento consolidado non financeiro de gastos para 2013, este alcanza os 125.799,43 millóns de euros, o que supón un aumento do 5% en relación ao exercicio anterior.
A partida maior corresponde ás pensións contributivas que suman 106.350,1 millóns de euros. Pola súa banda, a prestación por incapacidade temporal elévase a 5.830,59 millóns, un 0,5% máis que en 2012, un crecemento moderado que revela a eficacia das medidas de contención do gasto nesta partida.