martes, 11 de septiembre de 2012

Rajoy entrevistado en TVE

Onte seguín en TVE a primeira entrevista televisada a Mariano Rajoy desde a súa vitoria o pasado mes de novembro, e que era agardada con expectación. Durante cincuenta minutos foi entrevistado por Maria Casado e outros cinco xornalistas de distintos medios de comunicación



A primeira pregunta incidiu nun dos temas que máis preocupan neste momento, que é se España solicitará un rescate.


Mariano Rajoy sinalou que primeiro hai que ver se é ou non necesaria esa axuda. "Eu ante esta decisión non vou frivolizar. Teño a obrigación de ser moi prudente", manifestou o presidente sinalando que "neste momento estamos estudando a situación e logo tomaremos unha decisión e, por suposto, cando tome a decisión comunicareilla e darei as miñas razóns ao conxunto dos españois e serán públicas as condicións en calquera caso".


A outra das preguntas contestou que a decisión que tomou o Banco Central Europeo é moi importante e significa "que o euro vai en serio", e a partir de aí baixaron a prima de risco nalgúns países, entre eles en España. No entanto, o presidente aclarou que "o noso compromiso é cumprir o déficit público", iso é máis importante que pedir axuda: "Se algunha prioridade hai en España para crecer e crear emprego é reducir o déficit público, non o rescate".


O programa anunciado polo BCE "abriu un portelo" o que supón un paso importante, aínda que agora corresponde ao Goberno español a decisión sobre a súa utilización, engadiu.


Como era de esperar, na entrevista xurdiron preguntas sobre as pensións. Rajoy respondeu que a única partida que non baixou foi a destinada a pensións e "a miña intención -dixo- é mantela" nos Orzamentos que se debaterán no Consello de Ministros do próximo 27 de setembro e nos que "a primeira prioridade é tratar aos pensionistas do mellor xeito posible, esa é a primeira instrución que dei ao ministro de Facenda" para a elaboración deses Orzamentos. "Se hai algo que non tocarei son as pensións, porque os pensionistas son os que o teñen máis difícil", recalcou.


Preguntado sobre unha nova subida impositiva, Mariano Rajoy anunciou que non se modificará o IVE nin o IRPF, pero é posible que si se toque o imposto de plusvalía e os impostos verdes. Ademais, manifestou: "En canto poida baixarei o IRPF".


Insistiu en que non se pode vivir permanentemente gastando máis do que se ingresa "hai que acomodar gastos a ingresos e estamos niso, intentando ser equitativos", pois hai que gañarse a confianza de quen teñen que prestarnos, subliñou.


Neste sentido, sinalou que seguirán reducindo o gasto para cumprir o obxectivo de déficit público, o 6,3 % do PIB, comprometido para este ano.


O presidente manifestou que esta "é unha etapa difícil", na que hai que ter claro o que hai que facer. "Estamos facendo reformas para a competitividade que non é incompatible coa austeridade". Explicou que "sería un suicidio non facer reformas: "Isto é un período transitorio, pero é fundamental para saír da situación que vivimos nestes momentos".


Sobre a política antiterrorista, o presidente recordou que foi ministro do Interior e sostivo que "eu no tema do terrorismo non cambiei" e explicou cal é a posición do Goberno: "Non negociamos con ETA nin imos facelo nunca".


Non imos aceptar a chantaxe e aplicamos a lei e o Estado de dereito". Respecto o denominado caso Bolinaga afirmou que “todos debemos respectar os que digan os xuíces. Pero a miña posición é a mesma que sempre. Non nos saímos de aí, do respecto aos dereitos. A ninguén lle gusta esta situación, pero esta decisión houbo que tomala polas razóns que foron. Déanlle ou non a liberdade, seguirá no hospital, porque está moi enfermo. As leis non queren que ninguén morra no cárcere


No relativo ás próximas eleccións galegas, destacou o labor realizado por Alberto Núñez Feijoo a quen cualificou como un "magnifico" presidente da Xunta. E engadiu despois de afirmar que iríanos moito mellor se as demas comunidades autónomas fixesen o mesmo que o presidente galego,  que “Estou confiado no seu traballo, polo que non me plantexo facer pactos, os galegos só teñen dúas opcións, o PP e o resto dos partidos”


Nunha das súas respostas anunciou que que convocará a primeiros do próximo mes de outubro a Conferencia de presidentes autonómicos. Sinalou que lles pedirá traballar todos xuntos e dar a batalla en Europa, co fin de crear emprego. "Fixemos as prioridades e en España non estamos nestes momentos para grandes algarabías", "estamos para ir xuntos na mesma dirección e lograr crear emprego", "non estamos para disputas".


Tamén resaltou as catro liñas nas que traballa o Goberno coas comunidades autónomas que son: obrigación de controlar o déficit, unidade de mercado, eliminar duplicidades, evitar exceso de normativas.

http://www.rtve.es/alacarta/videos/programa/entrevista-integra-mariano-rajoy-tve/1524607/