domingo, 16 de septiembre de 2012

Sobre a vindeira sesión plenaria do Congreso


A vindeira semana teremos sesión plenaria que comezará o martes, día 18 de setembro, ás 16,00 horas, co debate de toma en consideración de dúas proposicións de lei. A primeira delas, presentada por CIU, é a de modificación da Lei 30/2007, de contratos do sector público, para incorporar un estudo custo-beneficio previo á aprobación de investimentos destinados a financiar novas infraestruturas.

A outra proposición de lei é a de modificación da Lei 15/1997, sobre habilitación de novas formas de xestión do Sistema Nacional de Saúde, rexistrada polo Grupo de EU, ICV-EUiA, CHA: A Esquerda Plural.
O Pleno continuará co debate de dúas proposicións non de lei. A do Grupo de CIU insta ao Goberno a dar cumprimento á sentenza do Tribunal Constitucional relativa ás bases reguladoras para a concesión de subvencións sometidas ao réxime xeral da área de servizos sociais, familias e discapacidade.

Pola súa banda, a proposición non de lei do Grupo de EU, ICV-EUiA, CHA: A Esquerda Plural aborda a promoción dun parque público de aluguer social a través dos vehículos inmobiliarios de entidades financeiras.
Finalmente, a sesión plenaria do martes concluirá coas mocións consecuencia de interpelacións urxentes do Grupo de EU, ICV-EUiA, CHA, sobre a política económica deste Goberno respecto ao rescate do sistema financeiro; do Grupo Socialista, sobre a valoración do Ministro de Educación, Cultura e Deporte dos efectos no sector cultural e na educación deste país das últimas medidas adoptadas polo Goberno, e CIU, sobre as prioridades do Goberno no ámbito cultural.
 O mércores, ás 9,00 horas, comezará a sesión de control ao Goberno e o debate das interpelacións urxentes.

O Pleno debaterá o xoves a convalidación ou derrogación de dous Reais Decretos-Lei. Trátase do Real Decreto-Lei polo que se aproban medidas urxentes para paliar os danos producidos polos incendios forestais e outras catástrofes naturais ocorridos en varias comunidades autónomas, e do Real Decreto-Lei polo que se concede un crédito extraordinario no orzamento do Ministerio de Defensa para atender ao pago de obrigacións correspondentes a programas especiais de armamento por entregas xa realizadas.