O Termalismo foi motivo dun
encontro sectorial nesta campaña electoral organizado polo
Partido Popular de Ourense. Asistin ao mesmo movido polo interese que ten esta actividade para o desenvolvemento económico da nosa provincia.
A candidata número 2 por
Ourense, Carmen Pardo, que foi responsable da Secretaría Xeral de Turismo, fixo
en primeiro lugar un balance de actividade na citada materia nesta lexislatura para
despois presentar as liñas mestras do programa electoral do PP de G. É indiscutible o seu coñecemento do mundo termal, e obtivo dos asistentes un sinceiro recoñecemento polo seu empeño en impulsalo.
Neste encontro estiveron
presentes entre outros representantes da Asociación Galega de Balnearios, de Caldaria,
Expourense e o Inorde; así como profesionais médicos especialistas en terapias
termais e o redactor do Plan Estratéxico Termal de Ourense.
No intercambio de impresions xurdiron temas de gran interese como a necesidade de que se inclúan na carta de servizos da Sanidade Pública determinados tratamentos termais con fins terapéuticos, que axudaría a abrir as portas ás visitas de persoas doutros países nos que sí están incluidos este tipo de tratamentos nos seus respectivos sistemas de saúde.
Salientouse tamén a importancia
dos balnearios galegos non só pola súa repercusión na imaxe turística e de
servizos de Galicia, senón pola súa importancia á hora de fixar poboación no
rural.
Neste senso, tamén se puxo de manifesto o reto de abrir á internacionalización o sector do Termalismo en Galicia, como un piar fundamental do crecemento económico e turístico, algo para o que é necesaria unha extraxia e un importante avance no coñecemento dos idiomas por parte do persoal que traballa nos Balnearios. Neste eido cobra especial importancia a consolidación do Clúster da Auga, creado nesta lexislatura e que terá que ser dimensionado na próxima.
Ademáis de poñer de manifesto a necesidade de aunar esforzos das administracións e da iniciativa privada neste eido, tamén se falou da cidade, onde existe un Plan Estratéxico Termal, aprobado por unanimidade de tódolos grupos políticos en 2007 e que, polo de agora, non ten desenvolvido ningunha das liñas estratéxicas que fixa o documento.
Pola tarde estiven na carpa
instalada na rúa do Paseo de Ourense, acompañando aos candidatos e logo
partimos a Ribadavía, onde nun auditorio cheo, escoltamos ao presidente local e candidato César Fernández, ao cabeza de lista Jesús Vázquez e a ao presidente provincial do PP Manuel Baltar.
http://www.youtube.com/watch?v=omRhcyPI5mc
http://www.youtube.com/watch?v=omRhcyPI5mc