Onte o presidente do PPdeG, Alberto
Núñez Feijóo, afirmou no seu mitin na cidade de Lugo que gobernará para todos e
sinalou que Galicia non precisa un goberno de confrontación, senón un de concentración
con todos os galegos: sen intereses partidistas e a favor do avance de Galicia.
Lembrou que ante estas eleccións
hai dúas opcións xa coñecidas: apostar polos que gobernaron desde 2005 a 2009
no inicio e desencadeamento da crise ou polos que gobernaron desde 2009 ata
agora, no inicio do enfrontamento á crise.
Así mesmo, quixo deixar claro
tamén aos que senten un prexuízo ante a opción de goberno que representa que
gobernará para todos, posto que non todo é cuestión de ideoloxía e non é tempo
de diferenzas senón de unidade. “Non é a hora de comparar sentimentos senón de
abordar con eficacia os problemas do paro e da economía”, dixo.
Segundo Feijóo, hai unha xestión
que está levando a Galicia a estar máis preto de saír do túnel e no proxecto do
PPdeG están tamén os intereses dos que se senten decepcionados coa xestión do
Partido Socialista.
Con respecto a isto, o dirixente
popular dirixiuse a aqueles que se senten socialistas, que crían no proxecto
para España que tiña Felipe González e agora non entenden que os nacionalistas
poidan marcar as súas políticas só a cambio de chegar ao poder.
Así mesmo, dirixiuse a aqueles
nacionalistas que non aceptan pasar por repetir unha xestión económica e
laboral como a vivida por España nestes oito anos e díxolles que probablemente
non entendan do mesmo xeito que os populares que é Galicia pero si comparten
cales son as urxencias que hai que abordar.
E reiterou que gobernará para
todos dirixíndose tamén aos nacionalistas defraudados por unha pugna de egos
que fracturou ao seu partido en tres e ningunha alternativa real e, en suma,
aos que cren que é preciso unha renovación real no PSOE e a volta a un proxecto
común nos nacionalistas.
Tamén destacou que controlar as contas,
xestionar con eficacia e manter os servizos públicos, impulsar políticas de
crecemento e seguir adiantando contra a crise, tal e como se recolle no
proxecto do PPdeG, non é nacionalista ou non nacionalista, socialista ou
popular, senón que é necesario e obrigado para a comunidade.
Así mesmo, Feijóo pediu que non
se confunda discrepar con crispar e, con respecto a isto último, asegurou que
non é o seu xeito de entender a política e buscará que a oposición tamén o
entenda así.
No que atinxe á xestión da Xunta,
o líder do PPdeG lembrou que Galicia ten aplicado políticas responsables que buscan
o beneficio común e seguirao facendo. Por iso, foi a comunidade que mellor
controlou as súas contas e superou moitos retos e seguirao facendo.