martes, 23 de octubre de 2012

Os investimentos dos PGE do 2013 no AVE a Galicia responden a criterios de xustiza e rendibilidade económica e social

Hoxe no Pleno estamos debatendo as emendas á totalidade ao proxecto de orzamentos xerais do Estado para 2013, que contemplan uns investimentos do Goberno en Galicia, que ascenden a 1.309,079 Millóns de Euros, o que supón o 12,3% do total rexionalizado.
 
Hai que salientar pois, o compromiso do Goberno de Rajoy coa nosa Comunidade e destacar especialmente o esforzo investidor do ministerio de Fomento, que dirixe Ana Pastor, que nun ano de recortes derivados da necesidade de axustarse ao déficit marcado pola UE achega 1.257.638 M€ para investir en Galicia, a maior parte deles para o AVE galego.


Neste sentido afirmo que os investimentos para conectar por alta velocidade Madrid por Castela-León con Galicia son moi necesarios e de alta rendibilidade económica e social.
 
Resposto así as preguntas parlamentarias dirixidas á Comisión Europea polo eurodiputado de CIU Ramón Tremosa i Balcells, que se queixou de que os PGE destinen máis investimento ao AVE galego que ao Corredor do Mediterráneo.
 
Lamento que Tremosa non preguntase en Bruxelas como é posible que a día de hoxe póidase viaxar en AVE desde Barcelona a Madrid en 26 frecuencias e tardando só 2 horas e trinta minutos, mentres que para ir desde Galicia a Madrid só hai un tren diúrno que tarda 6 horas e 13 minutos, e dous nocturnos que se demoran un 10 e outro 11 horas.
 
¿ É isto xusto?

Pólo tanto hai que subliñar que os PGE do 2013, a pesar da necesaria austeridade, fan xustiza con Galicia e avanzan na necesaria cohesión territorial, algo que, lonxe de molestar a ninguén, debería ser motivo de satisfacción para todos.
 
Considero que, tendo en conta que os cataláns xa gozan da conexión de alta velocidade con Madrid desde febreiro de 2008, que moi pronto terán a conexión por alta velocidade coa fronteira francesa e, ademais, que os PGE do 2013 inclúen tamén unha importante achega para o Corredor do Mediterráneo de 1.019,31 millóns de euros, as críticas de Tremosa son inxustas e absolutamente insolidarias.

Os deputados galegos do PP seguiremos defendendo os investimentos no AVE galego fronte á orquestrada campaña de críticas dalgúns insolidarios.

Remato: son uns investimentos xustos e de alta rendibilidade económica e social e, ademais, os galegos levamos anos esperándoos.

http://www.crtvg.es/informativos/ciu-quere-que-a-ue-impida-a-espana-investir-mais-no-ave-galego-ca-no-corredor-mediterraneo-448772


http://www.crtvg.es/informativos/os-deputados-galegos-do-pp-critican-a-posicion-insolidaria-do-deputado-de-ciu-448771