O Pleno da vindeira semana comeza o martes 30 de outubro, ás 9 da
mañá, co debate de totalidade do Proxecto de Lei Orgánica pola que se modifica a
Lei Orgánica 10/1995, de 23 de novembro, do Código Penal, en materia de
transparencia, acceso á información pública e bo goberno e loita contra a fraude
fiscal e na Seguridade Social; o Proxecto de Lei de medidas fiscais para a
sustentabilidade enerxética e, posteriormente, o Proxecto de Lei polo que se
adoptan diversas medidas tributarias dirixidas á consolidación das finanzas
públicas e ao impulso da actividade económica.
A continuación,
someterase a votación a toma en consideración das Proposicións de Lei
presentadas polo Grupo Parlamentario Socialista, sobre as operacións de troco
das participacións preferentes; e o Grupo Parlamentario Catalán (Convergència i
Unió), Orgánica de modificación da Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de
Educación, para excluír do carácter básico o apartado 2 do artigo 82.
Seguidamente, debateranse as Proposicións non de Lei. Neste caso, do
Grupo Parlamentario Socialista, sobre a reprobación do Ministro de Educación,
Cultura e Deporte e do Grupo Parlamentario Popular sobre medidas de apoio aos
traballadores que compatibilizan ou queiran compatibilizar un emprego por conta
allea co desenvolvemento dunha actividade profesional ou económica por conta
propia, acomodando a súa cotización ao Réxime Especial de Traballadores
Autónomos á súa situación de pluriactividade.
A sesión plenaria do
martes continuará coas seguintes mocións consecuencia de interpelacións
urxentes: do Grupo Parlamentario Socialista, sobre as medidas que pensa adoptar
o Goberno para loitar contra o aumento da pobreza e a exclusión social en
España; do Grupo Parlamentario Mixto, relativa á necesidade de abordar unha
política que impulse decididamente a repartición das riquezas e rendas
existentes na nosa sociedade; do Grupo Parlamentario de EU, ICV-EUiA, CHA: A
Esquerda Plural, sobre a situación da Seguridade Social e a garantía das
pensións e, finalmente, do Grupo Parlamentario Catalán (Convergència i Unió),
sobre as actuacións que o Goberno pensa levar a cabo para apoiar ao terceiro
sector e asegurar a cohesión social.
O mércores 31 de outubro comparecerá a petición propia o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, ante o Pleno de Cámara e a partir das 9 horas, para informar sobre os temas abordados no importante Consello Europeo que se celebrou en Bruxelas os días 18 e 19 de outubro de 2012.
Logo deste punto haberá a tradicional sesión de control con preguntas e interpelacións ao Goberno.