domingo, 7 de octubre de 2012

Sobre a vindeira semana parlamentaria


As comparecencias de personalidades e funcionarios da Administración do Estado, ante as Comisións correspondentes para informar sobre o Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2013, que comezaron o xoves, 4 de outubro, continuarán esta próxima semana.

Así mañá, día 8, presidirei a Comisión de Fomento e recibiremos a comparecencia do Secretario Xeral de Infraestruturas, da Secretaria Xeral de Transportes e dos presidentes de ADIF, RENFE, Portos do Estado e AENA.

E o martes, día 9,  pola mañá asistirei como vocal ás Comisións de Economía e de Industria, Enerxía e Turismo na que tamén comparecerán altos cargos e explicarán o orzamentos da súa área competencial




O Pleno comezará o martes ás 16,00 horas, co debate de toma en consideración de dúas proposicións non de lei.

A primeira delas será a presentada polas Corts Valencianes para a reforma da Lei Orgánica 8/1980 de Financiamento das Comunidades Autónomas.

Posteriormente debaterase a toma en consideración da proposición de lei do Grupo Mixto para a modificación da Lei Orgánica 5/1985, do Réxime Electoral Xeneral. Esta iniciativa pretende reducir a duración das campañas electorais.

A xornada continuará co debate de dúas proposicións non de lei. A do Grupo Mixto aborda a transferencia á Generalitat de Cataluña das facultades de execución da lexislación do Estado para a autorización da convocatoria de consultas populares por vía de referendo. Pola súa banda, a proposición non de lei do Grupo Popular insta ao Goberno a elaborar un plan de emprego xuvenil.

A sesión plenaria do martes concluirá coas mocións consecuencia de interpelacións urxentes do Grupo Socialista, sobre a posición do Goberno acerca da reforma no sector enerxético que pretende aprobar, e do Grupo de Convergència i Unió, relativa ás medidas e compromisos que pensa adoptar o Goberno respecto ao desdobramento da N-II ao seu paso polas comarcas de Girona.

O mércores, desde as 9,00 horas, celebrarase a sesión de control ao Goberno e o debate das interpelacións urxentes.

Ademais da iniciativa para a ratificación do acceso de Croacia á Unión Europea, o Pleno verá o xoves, a partir das 9,00 horas, diversos ditames da Comisión de Asuntos Exteriores sobre convenios internacionais.