domingo, 4 de noviembre de 2012

A vindeira semana de actividade parlamentaria


A próxima semana continúa a tramitación do proxecto de lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2013 co debate na Comisión de Orzamentos. 

Reunirase o martes, 6 de novembro, a partir das 10,00 horas e o mércores, día 7, desde as 9,00, para analizar o informe do relatorio, reunido o pasado luns, 29 de outubro, e votar as emendas ao articulado e elaborar o ditame, que logo será elevado a Pleno para debatelo e votalo entre os días 13 e 15 de novembro. 

Tamén está previsto para o mércores 7 ás 10,00 horas unha comparecencia na Comisión de Fomento da Presidenta da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (CIAIAC), para informar sobre as actuacións realizadas no ano 2011. 


A Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (CIAIAC), é o organismo oficial encargado de realizar a investigación dos accidentes e incidentes de aviación civil que se producen en territorio español. 


A investigación ten un carácter exclusivamente técnico, o seu fin último é a prevención de futuros accidentes e incidentes, e non está dirixida a determinar nin establecer culpa ou responsabilidade de tipo algún. 

Os resultados da investigación plásmanse nun informe que contempla a información factual en relación co accidente ou incidente, unha análise da mesma, unhas conclusións e unhas recomendacións en materia de seguridade. 

 A normativa vixente de Seguridade Aérea regula a investigación técnica de accidentes e incidentes de aviación civil e reforza a independencia do órgano colexiado encargado de efectuar as investigacións, a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil, que está adscrita orgánicamente ao Ministerio de Fomento.