miércoles, 28 de noviembre de 2012

Rajoy na sesión de control ao Goberno


Esta mañá tivemos sesión de control ao Goberno na que o deputado Cayo Lara, do Grupo A Esquerda Plural, preguntou ao presidente do Goberno Mariano Rajoy sobre se consideraba que o Real Decreto-lei 27/2012 resolve os problemas dos desafiuzamentos de vivenda en España.

O presidente Rajoy contestou ao deputado Lara, dicindo que: "por primeira vez en España un Goberno toma decisións sobre un problema tan grave como este e eu creo que o real decreto-lei resolve problemas moi importantes para persoas especialmente vulnerables. Por unha banda, paralízanse durante dous anos os desafiuzamentos para esas persoas, as que se citan no real decreto-lei, sempre que non superen unha renda de 1.597 euros ao mes e, doutra banda, créase un Fondo social de vivendas para que aqueles que perderon a súa vivenda poidan alugala a un prezo moi baixo. Son medidas de choque, eficaces, operativas e ao mesmo tempo manteñen os principios de ordenamento xurídico e non converten a excepción nunha regra xeral. En calquera caso, o Goberno, como xa lle transmitín a vostede persoalmente no seu momento, está disposto a falar cos demais grupos políticos por se teñen achegas sensatas e razoables que facer" Na súa segunda intervención Rajoy contestou ao Sr. Lara que
" o mercado hipotecario español permitiu o acceso de moitísimas persoas á vivenda habitual en propiedade. Máis do 80% dos españois teñen a súa vivenda en propiedade, e en moitos casos fíxoo cun financiamento baixo e tipos de interese a longo prazo. Xa que logo, non convén improvisar para non alterar o normal funcionamento deste mercado cando a economía mellore. En segundo lugar, a inmensa maioría das persoas que compraron a crédito, aínda nunha situación tan difícil como esta ou teñen un aluguer, están pagando. Isto non hai que esquecelo e é bo porque responde aos fundamentos lóxicos dunha sociedade. En terceiro lugar, a maioría dos desafiuzamentos non son de primeira vivenda. Hai moitos desafiuzamentos de locais comerciais, de naves industriais, de vivendas residenciais e de empresas. En cuarto lugar, o desafiuzamento é sempre a última opción e estanse refinanciando moitos créditos hipotecarios, como coñece moi ben. É a última opción dunha entidade financeira ou simplemente dunha persoa que aluga un piso a outra persoa. Dito isto, o Goberno quixo protexer ás persoas especialmente débiles. Non debemos xeneralizar estas medidas, pero, como lle dixen na miña primeira resposta, estamos dispostos a que calquera norma ou cambio na lei actualmente en vigor que sexa xusta, razoable e sensata considerarémola e, se é así, apoiarémola."

Formulou a Rajoy tamén unha pregunta Alfredo Pérez Rubalcaba, do Grupo Socialista, sobre se consideraba que coas súas políticas está favorecendo o exercicio dos dereitos dos cidadáns. 

O presidente do Goberno respondeu que : "as políticas que leva a cabo o Goberno pretenden sentar bases sólidas para mellorar a actual situación económica, crecer, crear emprego e, xa que logo, conseguir maiores ingresos para as administracións e así mellorar os servizos públicos. Os instrumentos para o logro destas políticas son varios, quizá os máis importantes sexan reducir o déficit público e as reformas estruturais. Reducir o déficit público porque non podemos gastar máis do que ingresamos por moitas razóns, a máis importante no día de hoxe é que non podemos financiar, non podemos conseguir o diñeiro para gastar o que non ingresamos. No ano 2011 gastamos 90.000 millóns de euros por encima do que ingresamos e comprenderá vostede que nesa situación non podemos seguir porque, insisto, entre cousas, ninguén nos vai a financiar. Todas estas medidas que estamos adoptando é evidente que non producen efectos xa, ás veces supón adoptar decisións duras e non agradables, pero teña a seguridade de que sentan as bases para loitar eficazmente contra a crise, crecer, crear emprego, aumentar os ingresos das administracións e, xa que logo, mellorar os servizos públicos"


E na súa segunda intervención replicou ao deputado Pérez Rubalcaba e díxolle: "un Estado que non pode garantir a sustentabilidade das súas contas públicas non pode garantir nada, non pode garantir os dereitos de ninguén. Cando un gasta sen límite chégase a esta situación, vostede sábeo; vostede sabe que hai moitas administracións españolas que hoxe non teñen posibilidade de financiarse nos mercados precisamente pola política de aumento do déficit público que se fixo mentres vostedes gobernaban. Do que se trata é de facer as cousas ben, e hai que gastar con arranxo ao que se ten porque ademais é bo e porque se non, non che vas a poder financiar. Moitas das afirmacións que fixo vostede na súa intervención foron falsas. A sanidade en España segue sendo universal e gratuíta.

Escoiteille a vostede falar con simpatía dunha folga que está tendo lugar agora na sanidade pública, pero esa mesma folga está anunciada por exemplo nunha comunidade onde está gobernando o seu partido. ¿Tamén vai apoiar a folga nesa comunidade? Señor Pérez Rubalcaba, falou vostede da reforma laboral. Se a reforma laboral que aprobou este Goberno estivese en vigor ao longo destes anos teña vostede a total e absoluta certeza de que non se perderon en España 3 millóns de postos de traballo entre os anos 2008 e 2011."