viernes, 30 de noviembre de 2012

Sobre a revalorización das pensións

Acabamos de coñecer que o Consello de Ministros de hoxe aprobou un Real Decreto Lei de Medidas de Consolidación e Garantía do Sistema de Seguridade Social, polo que os pensionistas que perciban prestacións iguais ou inferiores a mil euros mensuais verán revalorizada a súa pensión un 2 por 100 a partir do 1 de xaneiro de 2013.

Esta medida beneficiará a 6,6 millóns de pensións no noso país, o que supón o 74 por 100 do total. 

Para o resto, manterase a revalorización do 1 por 100 prevista no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2013.      
 
Pensións de 2012:

Unha vez coñecido o Índice de Prezos ao Consumo adiantado do mes de novembro, o Goberno decidiu manter a revalorización das pensións para 2012 no 1 por 100, tal e como foi aprobado no Consello de Ministros do 30 de decembro de 2011, e non actualizar a devandita contía co IPC.

Estas decisións representan un exercicio de responsabilidade que permitirá cumprir co obxectivo de déficit público, obxectivo indispensable para que España poida conseguir financiarse, emprender a saída da crise e que volva o crecemento económico xerador de emprego, auténtica garantía da protección social dos españois.  
 
Fondo de Reserva:     

A norma, aprobada a proposta dos ministros de Economía e Competitividade, de Facenda e Administracións Públicas, e de Emprego e Seguridade Social, contempla tamén unha modificación da Lei Reguladora do Fondo de Reserva que dota ao sistema público dunha maior capacidade de reacción ante situacións que poidan pór en risco os compromisos de pago cos pensionistas.

Desta forma, o Real Decreto Lei establece que durante os exercicios 2012, 2013 e 2014 non resultará de aplicación o límite do 3 por 100 fixado con carácter xeral no artigo 4 da Lei reguladora do Fondo de Reserva da Seguridade Social, do 29 de setembro de 2003.

Durante os citados exercicios o límite de disposición será o equivalente ao importe do déficit que poñan de manifesto as previsións de liquidación dos orzamentos das entidades xestoras e servizos comúns da Seguridade Social que, ao efecto, elabore a Intervención Xeral da Seguridade Social.A modificación mantén a previsión normativa que limita a disposición dos activos do Fondo de Reserva da Seguridade Social ao financiamento das pensións de carácter contributivo e demais gastos necesarios para a súa xestión, así como a condición de que só se poderá acceder a el en situacións estruturais de déficit por operacións non financeiras do sistema da Seguridade Social.

Nun momento no que se acumula unha perda de case tres millóns de cotizantes á Seguridade Social desde o inicio da crise, cabe recordar que foi precisamente para estas situacións extraordinarias para as que se creou o Fondo de Reserva da Seguridade Social.

Suplemento de crédito:

Para rematar, e para garantir a cobertura das prestacións por desemprego, o Real Decreto Lei prevé un suplemento de crédito no orzamento de 2012 do Ministerio de Emprego e Seguridade Social por contía de 4.295 millóns de euros, con destino ao Servizo Público de Emprego Estatal.