Esta mañá estiven no Parlamento de Galicia no acto de toma de posesión de Alberto Nuñez Feijoo como Presidente da Xunta de Galicia.
Estas foron as suas palabras:
" Autoridades presentes, Señoras e señores.
Quero que as miñas primeiras verbas se dirixan á razón de ser deste acto e da responsabilidade que asumo: refírome ás galegas e aos galegos. Quero agradecerlles a súa confianza maioritaria, depositada nas eleccións democráticas do pasado 21 de outubro e reflectida na votación de todas as deputadas e deputados deste Parlamento de Galicia, co apoio do Grupo Parlamentario Popular.
Grazas aos cidadáns teño a honra, por segunda vez, de presidir Galicia. Coñezo as obrigas que supón e fágome cargo delas consciente da necesidade de esperanza do pobo ao que represento; seguro de que seremos quen de facer fronte aos retos que temos por diante; e co firme compromiso de que cada día, durante os próximos catro anos, darei o máximo de min mesmo por eles e para eles. Por Galicia e para Galicia, gobernando para todas e todos os galegos, representados aquí, na pluralidade desta Cámara.
“Todo, para ser grande e forte, une, xunta e reconchega”. Unha Galicia unida fai unha mellor Galicia e Europa e España forman parte deste obxectivo. Sabemos a onde queremos ir e con quen queremos ir. Sabemos onde queremos estar e onde queremos seguir estando. Galicia está en Europa e fai mellor Europa. Galicia está en España e fai mellor España.
Por iso quero tamén agradecer a Súa Maxestade El Rey, que no exercicio das súas competencias, asinara o Real Decreto do meu nomeamento como Presidente da Xunta de Galicia e representante ordinario do Estado na nosa Autonomía. Quero transmitirlle que a determinación de Galicia e a miña propia é contribuír á recuperación da nación da que formamos parte e que nos une.
Permítanme, en esta dirección, que agradezca expresamente la presencia de la vicepresidenta del Gobierno de España en representación del presidente del Gobierno de España. Por su apoyo reciente en asuntos trascendentales para los sectores productivos de nuestra tierra, del mismo modo que la Ministra de Fomento, por su apuesta en la competitividad de nuestro territorio.
u asistencia a este acto solemne es la muestra de que, en este momento de tantas dificultades, tanto la Xunta de Galicia como el Gobierno español, con el Presidente Rajoy, seguimos decididos a trabajar juntos para abrir nuevas posibilidades de progreso y bienestar para Galicia y para España.
Poucas sentenzas resumen mellor os deberes dun gobernante e o significado da política, que a Constitución de 1812. Di no seu artigo 13: <o obxecto do Goberno é a felicidade da Nación, posto que o fin de toda sociedade política non é outro que o benestar dos individuos que a compoñen>. Ese principio tan fermosamente expresado segue vixente douscentos anos despois. Está aquí, na Galicia de 2012, e sérvenos de orientación e axuda.
O gobernante non pode elixir a época que lle toca gobernar. Tampouco está na súa man determinar as circunstancias que o condicionan, nin as dificultades que o limitan. Pero iso non supón ningunha licenza para que abdique das súas responsabilidades, ou se deixe levar pola resignación.
Sempre entendín a política como un instrumento do home para modelar o seu propio destino. A política democrática é unha rebeldía contra o determinismo, contra as circunstancias, as condicións e as dificultades. A política opón á forza dos feitos adversos, a enerxía dunha colectividade resolta e unida. Fago miña a forza dos galegos, de todos os galegos sen excepción, para sermos quen de saír adiante xuntos.
A misión do gobernante democrático é catalizar as virtudes da cidadanía para transformalas en decisións axeitadas. Como sempre sucede dende o comezo da democracia, o impulso do gobernante está no pobo, e o pobo ten nas institucións a súa ferramenta. Cando esa comuñón entre pobo e Goberno se produce, aquel desexo manifestado polos deputados de Cádiz, pasa dos textos á realidade. É realizable.
Tamén o é na Galicia de hoxe. Son numerosos os retos que temos por diante. É abafante o drama dos galegos sen emprego que son vítimas dunha situación que non provocaron. É un drama cotián o desacougo de tantos compatriotas nosos que dificilmente albiscan unha esperanza. Pero esa esperanza existe.
Esa esperanza está inscrita no legado que nos deixaron pais, avós e devanceiros. A súa Galicia soñada é hoxe unha Galicia realizada. Se estamos aquí, se Galicia chega ao século XXI como pobo diferenciado e comunidade viva, débese a que eles nunca se renderon. Temos unha obriga contraída coa súa epopeia que imos cumprir. Estou convencido e estou decidido.
Esa esperanza existe tamén porque formamos parte das democracias do mundo, e compartimos con elas valores e enerxías. A liberdade é o mellor antídoto contra os problemas, e Galicia tena e practícaa.
Esa esperanza está garantida polo seu autogoberno, pola súa presenza nunha España que se enriquece coa diversidade, e pola súa pertenza a unha Unión Europea que, malia todo, segue a representar un oasis de paz e progreso nun entorno convulso. Galicia é máis forte porque é española e europea. España e Europa son máis ricas na súa cultura porque no seu cerne hai unha compoñente galega.
Esa esperanza existe, señoras e señores, porque formamos unha gran familia. Somos unha sociedade vital, plural, diversa. Nela prodúcense debates que enriquecen a vida democrática, como os que celebramos nesta Cámara.
Non somos un país uniformado onde rexe o pensamento único, nin unha identidade exclusiva. Os pensamentos son variados, pero todos teñen un instinto colectivo. As identidades son múltiples, pero non impiden esforzos mancomunados. Podemos, en suma, facer cousas xuntos. Estamos facendo cousas xuntos. Temos anhelos compartidos que nos fan máis fortes.
Esa esperanza é un camiño tracexado. Como destino de peregrinacións, sabemos que pode haber etapas doadas e difíciles, pero que o esencial é ter un rumbo definido. Neste século XXI somos un país seguro no que se pode confiar e que confía no seu futuro.
Os que nos precederon son a certeza de que o logremos. A democracia, o que nos permite avanzar. Co autogoberno seguiremos por diante. E o apoio entre todas as galegas e os galegos son os folgos que se precisan. O camiño que percorremos con esforzo, asegúrolles, vai merecer a pena.
Existe a esperanza. Coñecémola, construímola, vivímola. Esa esperanza existe e é Galicia. Que inspire os pasos que seguiremos dando. Que guíe as miñas decisións. Que xuntos academos o progreso e o benestar que precisamos e merecemos.
Avanzaremos. Chegaremos. Rexurdiremos. Galicia. Galicia. Galicia."