lunes, 24 de diciembre de 2012

Cúmprense 20 anos da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense

Hoxe é 24 de decembro de 2012, uns dos días mais especiais do ano, no que as persoas viaxan, apuran as súas compras, preparan as súas comidas, reciben aos seus familiares, saúdan aos seus amigos e enchen as rúas da nosa Cidade.

É tamén unha xornada laboral na que moitas persoas, especialmente no sector servizos, traballan con intensidade, pero desde logo non é un día no que as institucións públicas programen normalmente as súas actividades.

Pero iso non foi o que ocorreu, na mañá do 24 de decembro de 1992, é dicir fai 20 anos, pois nesa data tivo lugar en Ourense un acto político institucional de gran relevancia no que eu participei e que hoxe quero rememorar.

No salón de actos da Cámara Oficial de Comercio e Industria de Ourense e en presenza do notario Alvaro Moure Goyanes tivo lugar a firma da escritura de constitución da Fundación de interese galego que se denominou "FEIRAS  E  EXPOSICIONS DE OURENSE".


Compareceron a este fin, pola Xunta de Galicia o seu presidente D. Manuel Fraga Iribarne, polo Concello de Ourense o seu alcalde, D. Manuel Veiga Pombo, pola Deputación Provincial e o Instituto Ourensan de Desenvolvemento o seu presidente D. José Luís Baltar Pumar, pola Cámara Oficial de Comercio e Industria de Ourense, o seu presidente D. Jorge Bermello Fernández e pola Confederación Empresarial de Ourense o seu presidente D. Manuel Martínez Rapela.



Neste acto as institucións e entidades ás que estas persoas representaban aportaron as seguintes cantidades (en pesetas): 70 millóns a Xunta, 20 millóns o Inorde, 7,5 millóns a Cámara e 0,5 millóns a Confederación. No caso do Concello de Ourense aportouse unha parcela de superficie aproximada de 32.000 metros cadrados, valorada en 208 millóns (unha cesión condicionada a que as obras do pabellón de exposicións iniciásense no prazo máximo de tres anos)

Estas foron as dotacions iniciais que aportaron os fundadores para o cumprimento dos obxectivos da Fundación.

Destacar que os fins primordiales da Fundación plasmados neses Estatutos que foron aprobados no mesmo acto, eran "a promoción e o fomento da actividade económica a través da celebración periódica de certámenes, feiras e exposicións industriais, comerciais, técnicas, agrícolas ou ganaderas en Ourense, de ámbito internacional, nacional, autonómico, provincial ou local, tanto de carácter xeral como monográfico" e " a construción, posta en servizo e xestión dun centro ou recinto ferial de exposicións na provincia de Ourense"
 
Como dicía ao principio a miña participación neste acto derivábase de que naquel momento eu ostentaba a responsabilidade de Secretario Adxunto da Cámara de Comercio e Industria de Ourense, e víñame ocupando desde facía anos en sacar adiante esta Fundación e o proxecto de construír un Recinto Ferial en Ourense, pois era unha auténtica necesidade da nosa provincia que tiña que celebrar as súas feiras en recintos provisionais e pouco axeitados.
 
A partir deste acto constitutivo fun nomeado polo Patronato, Secretario da Fundación, aínda que de facto xa exercía esas funcións.
 
Quero recordar que a esta data de 24 de decembro de 1992 precederon anos de xestións, procura de terreos, acordos plenarios, trámites burocráticos, debate de estatutos, e como adoita ser algunhas diferenzas políticas con encontros e desencontros.

É xusto recoñecer que a idea de construír un recinto ferial e a xestión do proxecto, ata esa data, sempre foi liderada pola Cámara Oficial de Comercio e Industria de Ourense e os seus presidentes José Caride Cortizo, Manuel Sanchez Aguirre e Jorge Bermello Fernández. E dous foron os alcaldes que se ocuparon naqueles anos do tema, Antonio Caride-Tabarés e Manuel Veiga Pombo. No caso do INORDE  hai que recoñecer o gran traballo do seu Xerente Antonio Tabarés Lezcano e do seu presidente Isaac Vila. No caso da Confederación o peso do traballo recaeu no seu presidente Manuel Martínez Rapela e por parte da Xunta ocupáronse dous Conselleiros, primeiro Santos Oujo Bello e despois Juan Fernández.
 
Cito aquí alguns fitos deste camiño:
 
. O 5 de xuño de 1988 o presidente Sánchez Aguirre acompañado de Jose Caride, presentaba ao conselleiro da Xunta, Santos Oujo o proxecto de constitución do padroado para a construción e xestión do Pabellón de Exposicións de Ourense.

. O 28 de novembro de 1989, o Conselleiro de Industria, Turismo e Comercio da Xunta, Santos Oujo, o alcalde de Ourense, Manuel Veiga Pombo e o presidente da Cámara Jorge Bermello, asinaban en Santiago o protocolo para a construción do pabellón de exposicións nunha parcela do Concello na Finca Sevilla de 17.000 metros cadrados.
 
. O 3 de outubro de 1991 celebrouse unha xuntanza no Concello no que todas as institucións ourensanas puxéronse de acordo en que o mellor lugar para construír o Pabellón de exposicións era a Finca Sevilla. Así se puxo fin a un ano de polémicas e desavenencias sobre a ubicación, chegándose a barallar outras no Concello de Pereiro de Aguiar e na parroquia de Santa Mariña de Ourense.

. O 14 de novembro de 1991 o Pleno do Concello acordou a cesión á Fundación da parcela de 17.000 metros cadrados na citada finca, co compromiso de chegar ata os 32.000.

. O 9 de abril de 1992 o Pleno da Cámara acordou destinar 75 millóns de pesetas para o Pabellón, unha cifra inxente para esta Corporación.

. O 14 de maio de 1992 o Pleno do Concello aprobou a achega da parcela de 32.000 metros cadrados que se valorou en 208 millóns de pesetas.

Logo daquel día de noiteboa de 1992 que hoxe lembro, seguimos traballando na xestión do proxecto baixo o impulso de Jorge Bermello, ese gran emprendedor ourensan.

Primeiro ocupámosnos do concurso de proxectos do recinto ferial que se fallou o 17 de outubro de 1993 sendo gañado polo arquitecto Juan Tejedor e o 3 de xuño de 1994 adxudicábanse as obras á ÚTE Extraco S.A.- Creto S.A. cun orzamento de 854 millóns de pesetas, sendo xa conselleiro da Xunta, Antonio Couceiro.  

Mais adiante, en xuño de 1995 conseguimos tras arduas xestións unha subvención da Unión Europea con cargo ao programa INTERREG II por importe de 470  millóns de pesetas e qu foi destinada ao equipamiento e ao exterior do recinto feiral.

Nesas datas a Fundación contratou como Xerente ao economista e polifacético emprendedor Luís Rivas Villanueva que asumiu con enorme dinamismo o reto de xestionar a posta en funcionamento do recinto e organizar a mostra inaugural, e o resto do programa feiral.

24 de abril de 1996  ás 19,00 horas inaugurase o recinto ferial ao que demos o nome de EXPOURENSE. Correspondeu tal honor ao presidente Fraga acompañado do presidente  da Camara Jorge Bermello e un enorme elenco de autoridades autonomicas e provinciais que percorreron a extraordinaria Mostra multisectorial de 101 stands e mais de 150 expositores en 8.000 metros cadrados. Un escaparate do potencial económico e social da nosa querida provincia.

Desde a data de inauguración do Recinto xa pasaron 16 anos, nos que a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense organizou primeiro baixo a xerencia de Luís Rivas (desgrazadamente falecido) e logo baixo responsabilidade do tamén dinámico e eficaz Alejandro Rubín unha enorme cantidade de Feiras e Exposicións que contribuíron e contribuen dun xeito extraordinario á dinamizacion da actividade económica provincial de Ourense.

Coido que logo de 20 anos, as institucións fundadoras poden estar orgullosas e Ourense satisfeita de contar cunha Fundación viva e dinámica que xestiona o mellor recinto feiral de Galicia.

Parabens a todos eles, e moi especialmente a Jorge Bermello Fernández, ao quen hoxe daréi unha forte aperta.