Remata 2012, e quero pechar a
miña actividade no blog coa referencia
as ideas mais salientables expresadas hoxe na mensaxe de Fin de Ano do
presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desde a fermosa casa natal de Rosalía de
Castro.
Apelou á unidade das forzas
políticas “para saír adiante antes e con máis forza”. “Hoxe, todos podemos
defender Galicia, cadaquén desde as súas responsabilidades. O meu compromiso é
defender Galicia desde o Goberno galego. E a miña esperanza é poder facelo cada
vez con máis achegas, cada vez con máis colaboración, do resto das forzas
políticas e especialmente do principal partido da oposición”, aseverou.
Feijóo asegurou que esa unidade é
demandada polos cidadáns e convidou a que o novo ano 2013 permita alcanzala, e
que Galicia poida seguir sendo un modelo neste eido, como xa o é a día de hoxe
noutros ámbitos. “Igual que nos anticipamos en decisións fundamentais para o
futuro como a eficiencia, a disciplina orzamentaria ou a planificación, por qué
non facer de Galicia tamén un paradigma de unidade política”.
Nun ano difícil para moitos
galegos, Alberto Núñez reiterou o compromiso da Xunta cos desempregados. “Quero
que saiban que están presentes en todas e cada unha das decisións que o Goberno
galego adopta. Xunto a eles libramos unha loita na que contamos coa
solidariedade dos que afortunadamente temos traballo nestes tempos difíciles.
Máis cedo que tarde, entre todos, lograremos cambiar a situación”.
O presidente do Goberno galego
afirmou que tanto no exterior coma no interior, a nosa forma de ser impúlsanos
cara a tarefas conxuntas: “Cara fóra, Galicia é unha comunidade estable, con
rumbo seguro e horizonte certo, que camiña a carón de España e Europa. E cara
dentro, Galicia forma unha gran familia unida polos problemas e polas
solucións. A galeguidade –dixo- non é outra cousa que unha man tendida ao
galego que temos ao noso lado, e aos que comparten con nós unha mesma visión do
progreso e da liberdade”.
Feijóo deu fe do prestixio que
iso supón cando Galicia se fai presente no exterior. “Visto con ollos alleos, o
noso país mestura tradición e modernidade. Somos o emigrante capaz de compartir
a fidelidade á súa terra de orixe, co compromiso coa súa terra de adopción.
Somos a gran empresa e a multinacional que innova, que compite, que é fiable.
Somos o pobo que ten logrado manter e mellorar os seus servizos públicos, malia
a incerteza xeneralizada na nación española. Somos o equipo que, en distintos
lugares e disciplinas, ten logrado grandes éxitos deportivos neste ano que
remata. Somos respectados e queridos, e por iso non resulta ilusoria a idea
dunha Galicia global, que faga posible que nós esteamos no mundo e que o mundo
estea en nós”.
Deste xeito, Alberto Núñez concluíu
salientando que os máis maiores, que lembrarán os tempos duros do pasado nos
que parecía perderse a esperanza; e os máis novos, que sentirán a forza para
continuar coa transformación; “todos son Galicia”. “Todos danlle ao noso país
unha enerxía que fará do 2013 un tempo para empezar a rexurdir”.
! Feliz ano 2013 a todos os seguidores deste blog!
! Feliz ano 2013 a todos os seguidores deste blog!