Hoxe estiven na Feira Internacional de Turismo Fitur e alí no stand de Galicia puiden coñecer a oferta turística da nosa Comunidade, sempre variada e atractiva.
No seu auditorio asistín á presentación que fixo o INORDE da súa páxina web, o código QR e as redes sociais que son os eixes do novo Plan Integral Promocional que creou o Inorde para dar a coñecer a provincia de Ourense. Planificacion que se fai dividindo o noso territorio a través de seis xeodestinos: Ribeira Sacra, O Ribeiro, Celanova-Limia, Verín-Viana, Manzaneda-Trevinca e Terras de Ourense-Allariz.
A proposta foi presentada por o presidente do Inorde, José Manuel Freire Couto, e o seu xerente, José Manuel Rodríguez e tamén falaron tres persoas que aman a nosa provincia , o conselleiro delegado de Mediaset España, Paolo Vasile; o director xeral de contidos de Telecinco, Manuel Villanueva, e o presentador dos informativos da cadea José Ribagorda, que falaron das súas experiencias en Ourense, a súa gastronomía, as súas vivencias e o seu patrimonio.
Logo asistín á presentación de Xantar, Salón Galego de Gastronomía e Turismo. Participaron nesta presentación a nova secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, o alcalde de Barbadás e presidente do INORDE, José Manuel Freire Couto, a directora de turismo receptivo de PROMPERÚ, Andrea Martínez, o representante de CEHOSGA presidente dos Hosteleiros de Lugo, Cheché Real, e a directora adxunta de Expourense, Emma González. Perú será o país invitado na 14ª edición de Xantar, Salón Galego de Gastronomía e Turismo, que se celebrará en Expourense entre o 6 e o 10 de marzo de 2013.
A presenza de Perú como invitado contribuirá a fomentar a cooperación iberoamericana creando redes turísticas e culinarias sostibles xa que representa unha das Gastronomías máis valoradas a nivel mundial. Co obxectivo xeral de promover o turismo a través da gastronomía, a próxima edición de Xantar centrarase na promoción da cociña do Camiño Mozárabe ou Vía da Prata, a través da presenza dalgunhas das comunidades que atravesa, incluíndo ademais o Camiño Portugués, e nas que a cidade de Ourense exerce un papel de porta de entrada a Galicia desta ruta. Isto fortalece o papel de Xantar como proxecto interterritorial e de carácter transfronterizo.
Dixeron que Xantar 2013 contribuirá tamén á posta en valor dos produtos agrogandeiros e pesqueiros de calidade das distintas Denominacions de Orixe de Galicia, das rexións invitadas e do país invitado, acollendo ademais a presentación de Destinos Enogastroturísticos Atractivos ante un público obxectivo procedente de toda España, e dunha forma particular da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal que integra a 7 millóns de habitantes.
Finalmente asistín á presentación por a directora adxunta de Expourense, Emma Gonzálezm de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, cuxa 13ª edición celebrarase de novo en Ourense entre o 20 e o 22 de setembro. Tamén o alcalde de Ourense presentou o Foro de Inversores termais que organiza e proxectaron o video "Ourense, Capital Termal".