Merece salientar hoxe a aprobación por parte do Consello da Xunta da declaración de supramunicipalidade do Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia, unha planificación que contempla 39 actuacións en 135 quilómetros de estrada cun investimento de 150 millóns de euros a executar entre os anos 2013 e 2020.
O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo en rolda de prensa destacou que o “obxectivo global” deste plan é “seguridade, rapidez e comodidade” nos desprazamentos dos 140.000 habitantes que viven no contorno da cidade de Ourense, case a metade dos que residen en toda a provincia.
Citou tamén como “obxectivos específicos” deste plan sectorial adecuar a rede de estradas ao aumento da mobilidade, mellorar a seguridade desa rede de estradas perimetral urbana, reforzar á accesibilidade ás zonas máis periféricas, mellorar a rede de estradas coa creación de itinerarios alternativos, protexer a calidade ambiental dos espazos de interese natural, dimensionar o plan sectorial de acordo coa situación actual da economía, e xestionar de forma adecuada mellorando as partidas destinadas a conservación e explotación dos viais xa existentes.
O ámbito xeográfico deste plan abarca os concellos de Ourense, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz, Taboadela, Barbadás, Toén, Coles, Punxín e Amoeiro.
Núñez Feijóo relatou que, unha vez aprobada a declaración de supramunicipalidade, a Axencia Galega de Infraestruturas someterá a información pública o plan, analizará as posibles alegacións, redactará a memoria ambiental e modificaranse en consecuencia todos os planeamentos dos concellos afectados que deberán ter reserva vial para que estes viais se poidan executar.