Esta tarde participei nunha xuntanza de traballo presidida por Manuel Baltar no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, na que aistiu a senadora Carmen Leite, os deputados autonómicos Moisés Blanco e Julia Álvarez, o alcalde de A Rúa, Avelino García Ferradal, e o voceiro na Deputación Plácido Álvarez.
Analizamos a situación da autovía A-76 Ourense-Ponferrada, unha actuación de gran importancia para a vertebración da Galicia interior, constituíndo un terceiro acceso de alta capacidade desde Galicia a Castela e León (ademais da A-6 e A-52). A súa lonxitude en torno a 125 quilómetros e o volume de investimentos que se estima en máis de 1.100 millóns de euros, dan unha idea da importancia da futura autovía, e que a N-120 (Logroño-Vigo) está superada, especialmente en determinados tramos.
E acordamos solicitar do Ministerio de Medio Ambiente que acelere os traballos de redacción da declaración de Impacto Ambiental do proxecto para posibilitar a aprobación definitiva do estudio informativo da autovía.
Compartimos as demandass das organizacións empresariais e dos concellos que reclaman esta autovía e recoñecimos e valoramos o compromiso da ministra de Fomento, Ana Pastor, coa A-76, como o acredita o feito de que esta autovía teña sido incluída no Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivienda.
Dadas as dificultades económicas da actualidade, que conlevan fortes reducións orzamentarias e obrigan a reprogramar actuacións en materia de infraestruturas, acordamos solicitar que a redacción dos proxectos dos tramos que se realice –unha vez acadada a declaración de impacto ambiental- se faga tendo en conta a eficiencia necesaria da infraestrutura e os antecedentes e incidencias na explotación da actual vía de comunicación entre O Bierzo, Valdeorras-Terras de Lemos e Ourense, que é a N-120.
Asemade, recoñecimos o esforzo e a celeridade co que o Ministerio de Fomento resolveu os problemas plantexados na N-120 no túnel da Barosa, que permaneceu pechado para realizar unhas obras de emerxencia; e que permitiu constatar a incapacidade da N-536 como vía alternativa ante o peche da N-120.
Finalmente acordamos demandar a Fomento a rápida continuación dos traballos de rehabilitación estrutural e de reparación do firme na N-120 e na N-536, cuxo proxecto figura en poder da Demarcación de Estradas do Estado en Ourense.