Convén salientar tamén que no Consello Europeo celebrado
onte en Bruxelas, no que os “Vinte e sete” acadaron un acordo para o orzamento
comunitario 2014-2020, recóllese que as rexións que abandonan por primeira
vez o Obxectivo Converxencia, como é o caso de Galicia, manterán a tensión
impulsora que lles viñeron prestando as políticas de cohesión.
Así o expresaron onte pola tarde o vicepresidente
da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE,
Jesús Gamallo, que compareceron en rolda de prensa para facer unha valoración
do acordo.
Segundo explicaron as rexións consideradas “de
transición” manterán o 60 por cento das axudas europeas que viñan recibindo, o
que supón ás arcas autonómicas máis de 2.000 millóns de euros que contribuirán
a consolidar os investimentos xa en marcha e lograr unha converxencia real e
irreversible co resto de Europa.
Rueda cualificou esta decisión como unha
“excelente noticia”, xa que o Goberno galego leva anos traballando para
defender esta “rede de seguridade”. Ademais, no caso galego é especialmente
significativo, xa que ao superar o 90 por cento de renda media, Galicia
entraría a formar parte das rexións máis desenvolvidas lle correspondería unha
cantidade moi inferior de fondos estruturais.
Parabéns a Xunta que ve neste acordo un recoñecemento
a todo o traballo realizado estes anos, recadando apoios doutras Comunidades
Autónomas e rexións europeas incluídos landers alemáns- na mesma situación; así
como do Goberno central e dalgúns dos principais responsables políticos
europeos, como o presidente da Comisión, Durao Barroso, ou o vicepresidente e
comisario responsable de Competencia, Joaquín Almunia.