miércoles, 10 de abril de 2013

Comparecencia de Alberto Núñez para dar conta dunhas fotos. "A verdade frustra a infamia"


Hoxe, compareceu  Alberto Nuñez Feijoo no Parlamento de Galicia por decisión persoal en resposta á solicitude desta Camara para dar conta de forma definitiva dunhas fotos da sua vida privada de hai dúas décadas.

 Dixo que o facia polos cidadáns e entre cousas afirmou:

"Saio en fotos de hai dúas décadas cunha persoa que, naquel momento, non estaba condenado por nada, pero que estivera vinculada en operacións contra o contrabando de tabaco, aínda que con ningunha sentencia na súa contra.

 Anos máis tarde, non entón, esta persoa sería condenada por algo aínda moito peor como é o narcotráfico. Vaia por diante a miña repulsa.

Teñen pasado dúas décadas desde esas fotos e eu son agora Presidente da Xunta de Galicia."

"Porque, señorías, son consciente de que son fotografías que, aínda que son antigas, chaman a atención.

Son consciente do morbo que esperta o medio que decide publicalas.  

E son consciente de que lamentablemente espertarían esta reacción nesta actual oposición.

 No único no que poden ter razón é en que  dúas décadas atrás non tiven a prudencia axeitada... e por iso quixen dar todas as explicacións precisas desde o primeiro momento. Sen demoras, con transparencia, con humildade e con sinceridade.

 Fíxeno co propio medio que decidiu publicar estas fotografías, antes da súa publicación e durante os días posteriores.

Fíxeno cun comunicado de prensa inmediato.

Fíxeno abríndome desde o primeiro momento aos medios que desexaran calquera explicación inmediata.

Fíxeno en rolda de prensa aberta a todas as cuestións que podían xurdirlle aos xornalistas.

 E fágoo agora nesta comparecencia parlamentaria, na que tratarei de dar resposta ás preguntas que se poden estar facendo algúns galegos.

Lamento por vostedes, señoras e señores da oposición, que se queden sen discurso. Poden directamente ás descualificacións porque velaí van as preguntas e as súas respostas.

1. ¿En qué momento teño coñecemento da existencia destas fotos?

En 2003, a raíz dun rexistro nunha investigación xudicial.

 2. ¿Qué pretenden obter os que as utilizan?

Que non diga o que opino. Que non critique o que considero criticable. Que non defenda aquilo no que creo.

 3. ¿Cando se me di que van a ser publicadas?

Desde 2003, continuadamente e con máis intensidade antes das eleccións de 2009 e en 2011. O medio advírteme días antes de que pode publicalas. Moitas das cousas que agora publica como se foran exclusivas de investigacións que eu pretendera ocultar, conteillas eu mesmo.

 4. ¿Cál é a orixe desas fotos, segundo o medio de comunicación que as publica?

Non o sei. Non mo quere dicir.

5. ¿Qué tipo de relación tiña naquel tempo con Marcial Dorado?

Limitábase a momentos de ocio, sen transcendencia. Se entón fora o meu amigo non tería problema en dicilo. A dimensión do erro sería a mesma.

 6. ¿Era unha relación persoal, ou no contacto con máis persoas?

Coincido sempre con varias persoas e en momentos de ocio. Persoas coas que teño máis, menos ou ningunha confianza.

 7. ¿Estiveron algunha vez fóra de Galicia?

Si, nos Picos de Europa, en Baleares e en Portugal, tal e como lle dixen ao medio que o publicou. Non estiven nin en Suíza nin en Inglaterra porque por isto tamén se interesou o periódico.

 8. ¿Como se afrontaban os gastos?

Como calquera grupo que fai plans de ocio conxuntos.

9. ¿Canto durou?

Coñézoo arredor de 1994. Cara 1997 enfrío a relación ata cortala definitivamente. Como xa dixen, véxoo puntualmente a raíz dun falecemento en 1999.

 10. ¿Por qué finalizou?

Porque coñezo polos medios de comunicación que mantén causas abertas coa Xustiza en materia de contrabando de tabaco; ao contrario do que se me dixera.

 11. ¿Mantiveron o contacto entre 2001 e 2003, mentres era investigado?

Non. Rompérase. Nunca o vin nesas datas, tal e como dixo o xuíz.

Se me chamou para felicitarme algún Nadal ou algún cumpreanos, de xeito irrelevante e intranscendente, non o podo precisar como tampouco puido facelo o xuíz.

 12. ¿Qué sabía eu de Marcial Dorado no momento en que se estableceu a relación?

Nun primeiro instante nada, como a calquera persoa á que lle presentan a alguén. Despois si sei que ten estado involucrado en procesos contra o contrabando de tabaco; pero tamén que sempre saíu exculpado.

 13. ¿Por que lle pregunto a Manuel Cruz se é o seu testaferro?

Porque hai xente que comenta que teñen negocios en común. El négamo.

 14. ¿Sabía que esa persoa acabaría involucrado no narcotráfico?

Non teño poderes adivinatorios como parece esixirme a oposición.

  15. ¿Asinei ou adxudiquei algún tipo de contrato público con Marcial Dorado?

Non.

 16. ¿Foi un erro ter aquela relación?

Si.

 17. ¿Debería ter dado máis importancia a eses antecedentes, aínda que non estivera condenado?

Si

 18. ¿Actuei nalgunha ocasión condicionado pola existencia desas fotos?

Nunca.

 19. ¿Hai máis fotografías?

Nin me preocupa nin o sei. Nada cambia. Parece que o señor Pachi Vázquez si o sabe, segundo dixo este fin de semana. E iso que catro días antes negara que coñecía as fotos.

Pachi Vázquez, 2 de abril: “Nunca vin as fotos nin coñecín a ninguén que as vira”

Pachi Vázquez, 6 de abril: “Hai máis fotos, non son solo catro imaxes”

 20. ¿Supón a súa publicación que a chantaxe que pretendían realizar algúns non tivo éxito?

Evidentemente. A súa publicación é a proba de que aqueles que pretenderon amedrentarme con esta posibilidade non lograron absolutamente nada de min.

 21. ¿Intentouse amedrentarme desde partidos da actual oposición coa posibilidade de publicar estas fotografías?

Si.

 22. ¿Lográrono entón?

Non

23. ¿Lograrano agora?

NON.

Señorías, acabo de responder a 23 preguntas que os galegos poderían facerme na rúa; dou todas as explicacións aos galegos por estas fotografías de hai dúas décadas, nas que nin eu era Presidente nin a outra persoa estaba condenada polo que agora está condenada."

 "E digo, e reitero, que hai dúas décadas me equivoquei. Non fun prudente. Sen matices.

 Nin eu era Presidente nin el era narcotraficante. Pero equivoqueime.

 Dou todas as explicacións, sen demora, con transparencia, con sinceridade e con humildade. E se algún galego considera que preciso desculparme por isto, aínda que sucedera hai dúas décadas, tamén o fago.

 Señorías, eu dou cara

Señoras e señores da oposición, vostedes non teñen dado a talla

 Porque señorías; deputados de todos os partidos que estamos nesta Cámara, sabemos que a única novidade ao respecto destas fotografías foi que se publicaran.

 Non quero referirme con isto ao feito de que se produciran hai dúas décadas, que tamén.

 Refírome ao feito de que en todos os partidos coñeciamos que estas fotografías existían.

 E cadaquén actuou dun xeito. Do xeito que cada un entende a política.

Despois da súa publicación, pero tamén antes.

 Vostedes, señoras e señores da oposición; con mensaxes en forma de advertencia, pensando que eu tiña que amedrentarme como se algo malo tivera feito ou fora facer o posible, incluso renunciando aos meus principios, por evitar que se publicaran.

E eu, señorías, coa tranquilidade que da a verdade. Por iso non movín un dedo para tentar que o medio que ía publicar as fotografías, non o fixera. Creo na liberdade de prensa, alá o criterio e a intención de cada medio. A verdade é para min suficiente.

 Vostedes, señoras e señores da oposición; coa insinuación. Medindo ao milímetro as súas verbas, para que os cidadáns escoitaran o que vostedes querían dicir e non se atrevían pero sen chegar a dicilo, conscientes de que estaban intentando trasladar á opinión pública mentiras e difamacións.

E eu, señorías, coa tranquilidade de dicir a verdade.

Señor Vázquez, polo seu modo de facer política, polas súas insinuacións, vostede está “aí, aí”, na oposición.

 E outros, por traballar con honestidade e por dicir a verdade, estamos “aquí, aquí”, no Goberno e, pese as dificultades polas que están a pasar as galegas e os galegos, coa súa confianza maioritaria e crecente.

E agora, unha vez publicadas estas fotografías, cadaquén tamén actuou do xeito que entende a política.

E exceptuando a persoas dos seus propios partidos, mesmo cargos moi relevantes, mesmo tres ex- presidentes autonómicos do Partido socialista, que me teñen trasladado a vergonza da actitude dos seus líderes, e probablemente de aí veña o escaso apoio interno que teñen;

Señoras e señores da oposición, a ninguén lle sorprende que algunha das súas voces teñan as mesmas intencións e empreguen os mesmos métodos que os que pretenderon amedrentarme.

 Porque, señoras e señores da oposición; eu, como antes da publicación destas fotografías, sigo coa tranquilidade que da a verdade; e vostedes seguen escondidos detrás da insinuación.

Dicindo sen dicir. Acusando sen acusar. E medindo as súas verbas, con covardía, insinuando, para trasladar á opinión pública unha difamación que saben que si afirman, con valentía, calquera Xulgado lles cualificaría de mentireiros.

Señorías, non preciso esconderme. Non preciso nin de escusas nin de coartadas; nin de medir o milímetro o que digo neste exercicio de memoria do acontecido hai dúas décadas. Bástame coa sinceridade. Bástame coa verdade.

 Señorías, eu afirmo, permítemo a verdade.

Señoras e señores da oposición, vostedes insinúan porque a verdade frustra a infamia.

Por iso lles molesta que eu dera explicacións desde o primeiro momento. Porque se lles frustro u a infamia de que eu pretendería esconderme.

Por iso lles molesta que eu compareza nesta Cámara. Porque se lles frustrou a infamia de que eu pretendería tapalo.

E por iso lles molesta tanto que o xuíz que investigou e encarcelou ao señor Dorado simplemente recordara o que fixo entón e reiterara o que dixo daquela, a través do seu traballo como maxistrado.

 Porque, señoras e señores da oposición, se a vostedes non lles chegaba coa miña palabra, falo o xuíz, fíxoo con claridade, e se lles frustrou a infamia.

 O xuíz que investigou a fondo e continuadamente todo o que fixo e dixo o señor Dorado ata chegar a encarcelalo; dixo que eu non fixera nada e que nin indicios había de que eu fixera o que non debía.

 O mesmo xuíz que si eloxiaban cando imputou a un alcalde do Partido Popular, que despois dimitiu. Por certo, unha noticia que saíu primeiro en El País e na que lle daban todo o crédito a ese xuíz.

 O mesmo xuíz que si eloxiaban por investigar e encadear á persoa coa que eu saio nas fotografías e pola súa loita contra o narcotráfico.

 E o xuíz que agora pretenden poñer en cuestión por dicir a verdade e frustrárselles a infamia pero non me cabe dúbida, pretenderan prolongar pero que xa se lles auguro, con escaso éxito.

 Porque, señoras e señores da oposición; eu saio nunhas fotos antigas e equivocadas pero vostedes teñen quedado retratados, agora, na actualidade, no seu xeito de facer política, a través da infamia.

 Despois de catro anos como presidente de Galicia. Coa peor das crises. Con tanta xente que o está a pasar mal. ¿Que é o que me achacan? ¿Estas fotos de hai dúas décadas? ¿Que traen ao Parlamento de Galicia na segunda década do século XXI? Isto. Así lles vai.

¿E que lles queda a vostedes despois de que falara o xuíz? Tentar prolongar como sexa a súa frustrada infamia; que nin vostedes mesmos a cren.

¿E a que se agarran agora?

 ¿A dicir que eu mantiña o contacto porque o mesmo xuíz que agora tentan desacreditar porque dixo

que eu non fixera nada,

que dixen a verdade

e que deixei de ver a esa persoa, dende hai 14 anos.

di tamén que pode ser que me felicitaran por teléfono ou o Nadal ou o cumpreanos, pero que en calquera caso é difícil recordalo e de ter sucedido foi intrascendente e irrelevante?

 Señoras e señores da oposición, pobres argumentos para continuar coa infamia; aínda que lles vale calquera cousa para tentalo.

Señorías, xa lles digo de antemán que non podo recordar todas as persoas e a data exacta que me chamaron por teléfono ou me mandaron unha tarxeta polo Nadal ou polo cumpreanos nos últimos vinte anos.

 ¿E agora, señoras e señores da oposición, que lles queda sen a verdade? A insinuación para tentar prolongar a infamia.

 Insinuar que eu teño algún tipo de relación coa noxenta actividade pola que foi condenada esa persoa cando saben que a verdade é que non. E que ademais entón esa persoa tampouco fora condenada por iso.

 Insinuar porque a verdade lles frustra a infamia.

 Insinuar que eu non actuaba con honestidade pedindo miles de contratos, facturas e expedientes entre os máis de 10.000 millóns xestionados e contratados por responsables de distintos hospitais, buscando demorar a resposta para sementar algunha dúbida; cando saben que a verdade é que se esa persoa está na cárcere é porque previamente se lle investigou todas as irregularidades que puido cometer en todos os ámbitos e nunca foi por ningunha relación das súas empresas con calquera Administración Pública.

Vostedes, señoras e señores da oposición, non recoñecen estar detrás das fotos pero si recoñeceron que coñecían a súa existencia antes das eleccións de 2009.

 Vostedes coñecían a súa existencia mentres estaban ao fronte da Xunta de Galicia.  

  Vostedes tiveron a man revisar todos os contratos da Xunta de Galicia ao longo da súa historia e o fixeron. Fixérono pero faltábanlles as fotos.

 ¿Por que non dixeron nada sobre o que eu puiden facer na Consellería de Sanidade ou na Consellería de Política Territorial, aínda que non tiveran as fotos?

 ¿Por que precisaban as fotos, se tendo á súa disposición toda a documentación histórica da Xunta, podían comprobar se eu cometera algunha irregularidade e, en consecuencia, denunciarme?

 ¿Por qué?

Porque non atoparon nada. Porque non había nada. Precisaban das fotos para insinuar.

 Insinuar porque a verdade lles frustra a infamia.

Insinuar porque saben que no ámbito das miñas competencias xamais firmei, nin contratei, nin adxudiquei nada a esta persoa, que entón non estaba condenada por nada.

 Pero vostedes, señores do PSOE e señores do BNG que gobernaron no bipartito insinúan. ¿Saben, de acordo coa documentación que ata agora revisamos, quen foi o Goberno que máis diñeiro deu a empresas de Marcial Dorado? O Goberno bipartito.

 E dígoo con claridade: non cuestiono a legalidade do que fixeron pero si a súa hipocrisía.

 Eu non insinúo. Eu afirmo e podo afirmar coa verdade.

 A hipocrisía de esconderse trala insinuación e toda súa.

E a hipocrisía do pretendido discurso exemplarizante e moralizante, que pretenden trasladar, tamén.

 Porque, señoras e señores da oposición, ¿acaso poñen vostedes a man no lume por todas as persoas coas que teñen coincidido ao longo de toda a súa vida?

 ¿Poñía Felipe González a man no lume por Pablo Escobar cando foi invitado a súa toma de posesión no 82 e o ano seguinte se lle vinculou co narcotráfico polo que finalmente sería condenado?

¿Poñían vostedes a man no lume por todos os membros dos seus partidos que despois foron encadeados por corrupción?

 ¿Poñían a man no lume o nacionalismo galego cando acordaba e ensalzaba a un partido –Batasuna- que despois foi declarado ilegal por terrorismo?

¿Poñen vostedes, señoras e señores do PSOE e de Izquierda Unida, a man no lume polo que está acontecendo en Andalucía, co fraude dos ERES que afecta a máis de 700 millóns de fondos públicos? Non hai vinte anos. Agora.

 ¿E señoras e señores do BNG, poñen vostedes a man no lume polos membros de Bildu-Amaiur?

¿Cren que poden dar exemplo de ética cando esa é a coalición coa que pretenden presentarse ante os galegos?

¿Cren que poden dar exemplo de ética cando aplauden o discurso de Arnaldo Otegi, no cárcere por terrorismo? Non hai vinte anos. Agora.

 ¿Convértelles isto a vostedes en narcotraficantes, corruptos, terroristas, defraudadores ou colaboradores de todo isto? Non, señoras e señores da oposición; pero si revela a súa hipocrisía. A mesma coa que actúan escondéndose trala insinuación para tentar prolongar unha infamia frustrada pola verdade.

Señorías, eu non podo responder pola honorabilidade de todas as persoas que teño coñecido ao longo da miña vida nin de todas as persoas coas que saio fotografiado durante os meus 51 anos; pero teño que dar a cara e estou aquí para iso.

Podo responder porque durante estes anos que as galegas e os galegos me teñen outorgado a súa confianza, non teño feito outra cousa que traballar con esforzo polos intereses xerais.

Que nestes anos pode ter habido ocasións nas que me podo ter equivocado;

que hai xente que o está a pasar verdadeiramente mal;

que a Xunta aínda non ten acadado solucións para os problemas que vive Galicia;

que temos acadado avances pero non todos os que desexaríamos;

Pero que o que se pode dicir de min son estas fotos de hai dúas décadas. Suficientemente revelador da súa hipocrisía.

E que o que eu podo afirmar, coa tranquilidade da verdade, é que sempre teño traballado polos intereses xerais

e que nunca deixarei de dicir nin de facer aquilo no que creo; e nada nin ninguén poderá evitalo porque só me debo ás galegas e aos galegos.

 Non sempre acertei nin acertarei; pero do que si poden ter garantía todas as galegas e os galegos

 é que sempre actúo e actuarei con esforzo e con honestidade;

 é que sempre trato e tratarei de responder aos meus compromisos;

e é que sempre, sempre, sempre, darei a cara ante eles, como hoxe; e por eles, como sempre.

Moitas grazas."