Esta
mañá o Consello de Ministros aprobou a remisión ás Cortes do Proxecto de Lei de
Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbanas. Ademais, aprobou o Plan Estatal
de Vivendas 2013-2016 que, xunto coa nova Lei de Fomento do Aluguer, supoñen un
cambio de modelo na política de vivenda.
Na roda de prensa posterior a ministra de Fomento, Ana Pastor destacou que o
Plan é unha medida clave de impulso económico e servirá para xerar crecemento e
emprego e prognosticou que se crearán 105.000 postos de traballo en catro anos.
O citado
plan contará cun investimento de case 2.500 millóns de euros: 1.500 para
facilitar o acceso á vivenda e 627 para rehabilitación, rexeneración e
eficiencia enerxética.
Engadíu que ten como finalidade facilitar unha vivenda digna aos colectivos máis
desfavorecidos. As persoas afectadas nos procedementos de desafiuzamentos terán
preferencia no acceso ao programa de axuda ao aluguer.
Respecto ao aluguer, a ministra subliñou que a concesión das axudas faise de
forma máis equitativa, tendo en conta a renda da "unidade de
convivencia" nunha vivenda. O programa de axudas permitirá alcanzar máis
de 133.000 beneficiarios fronte aos 80.00 actuais.
Ana
Pastor asegurou que as reformas aprobadas supoñen un cambio de modelo na
política de vivenda en España, facilitan o acceso á vivenda aos sectores da
poboación con menos recursos, fomentan a rehabilitación residencial,
posibilitan a reactivación do sector da construción, melloran os problemas de
accesibilidade dos edificios, sintan as bases para reducir a factura enerxética
dos fogares e outórganse incentivos ao sector privado para que colabore na
reactivación do sector da construción.
Doutra banda, entre as novidades da futura Lei de Rehabilitación, Rexeneración
e Renovación Urbanas, a ministra de Fomento sinalou que se derroga a Inspección
Técnica de Edificios e substitúese por un Informe de Avaliación do Edificio
(IEE) que será obligatorio para bloques de máis de 50 anos a partir do ano
2019.
Tamén destacou que se fomentará a rehabilitación de inmobles construídos antes
de 1981. Concederanse axudas de ata 4.000 euros por vivenda para conservación.
A ministra anunciou medidas adicionais, entre outras, a aprobación dunha Liña
ICO, dotada con 1.000 millóns de euros, para a rehabilitación de vivendas e
edificios en 2013 para acometer proxectos de rehabilitación ou reforma de
vivendas e edificios.
A Liña
IDAE, dotada con 100 millóns, promoverá medidas de eficiencia energética e
utilización das enerxías renovables nos edificios de uso residencial.
A partir do 1 de xuño será obligatorio poñer a disposición dos compradores ou
arrendadores de edificios un certificado de eficiencia enerxética. Este
documento, ademais da cualificación enerxética do edificio, deberá incluír
información obxectiva sobre as características enerxéticas do mesmo.