miércoles, 15 de mayo de 2013

Consolidar a estabilidade financeira e retomar antes o crecemento de Galicia



Aproveito esta mañá para leer a reseña da comparececia no Parlamento de Galicia da conselleira de Facenda da Xunta, Elena Muñoz Fonteriz, quen informou dos obxectivos e liñas xerais de actuación do seu departamento.

Saliento as súas principais afrmacións:

Destacou a relevancia do traballo realizado durante toda a anterior lexislatura, que vai ter continuidade na actual. “Sen estabilidade non hai crecemento, e na pasada lexislatura acadamos esta estabilidade”.

Estableceu como obxectivo desta lexislatura a consolidación das reformas postas en marcha dende 2009 como mecanismo imprescindible para potenciar ao máximo posible o crecemento e a creación de emprego.
Disciplina orzamentaria

Puxo de manifesto que foron estas reformas as que permitiron que Galicia fose a segunda comunidade cun mellor comportamento do PIB en 2012, cinco décimas mellor que a media do Estado.

Insistiu en que a disciplina orzamentaria é “un elemento fundamental” na actuación pública, sobre todo nun contorno complicado como o actual. É por iso que resultaron imprescindibles as medidas de racionalización e revisión do gasto público, de redución do gasto superfluo e de eliminación de duplicidades, así como as reformas estruturais no ámbito da Administración pública.

Control do gasto

Destacou os efectos positivos das políticas de control do gasto público, que permitiron unha redución que se levou a cabo de forma proporcionada e coa marxe do déficit público. “Esta estratexia contrasta coa de comunidades que tiveron que afrontar esta redución nun só ano”, recordou, tras avanzar que a Xunta afondará nesta lexislatura no plan de aforro en alugueiros –coa segunda fase aforrarase un millón de euros cada ano- e procederá á integración do Consello Galego de Competencia e o Instituto Galego de Consumo, e á fusión entre o Instituto Galego de Estatística e o CIXTEC.

Abordou as prioridades da Administración galega no ámbito da fiscalidade, a principal delas, a loita contra a fraude fiscal. A conselleira lembrou que dende principios de ano xa está en marcha Axencia Tributaria de Galicia e que este organismo “afondará nun traballo que deu excelentes resultados na pasada lexislatura”, xa que entre 2011 e 2012 afloraron 230 millóns de euros de débeda detectada.
No eido do gasto, analizou a necesidade de mellorar a xestión dos fondos europeos non só no final do actual marco 2007-2013, senón tamén para a preparación do período 2014-2020. Así, informou de que a Xunta traballará no deseño do novo sistema de indicadores e na elaboración dos novos programas operativos, ao tempo que celebrou que Galicia poida manter o 60% das axudas que viña recibindo grazas á aprobación da rede de seguridade.
Mellor situación que o resto de comunidades

Explicou que, froito das políticas levadas a cabo nos anos anteriores, Galicia atópase nunha mellor situación que o resto de autonomías. Muñoz Fonteriz advertiu de que a comunidade non é allea “á crise profunda”, pero subliñou que “é un feito obxectivo que Galicia está comparativamente nunha mellor posición”.

Como exemplo, destacou que Galicia tivo no periodo 2009-2012 a metade do déficit público que a media, e que por iso pasou de ter un endebedamento superior á media en épocas de bonanza “a estar sensiblemente por debaixo no peor momento da crise económica”.
Ademais de lembrar que Galicia foi a segunda comunidade con mellor comportamento do PIB en 2012, tamén incidiu en que mellorou a súa posición económica dentro de España ao converxer coa media, o que serviu para gañar seis décimas de PIB de converxencia. Por iso, avanzou que o Goberno galego “traballará para continuar esta tendencia e que Galicia sexa unha das primeiras comunidades autónomas en recuperar o crecemento”.
Explicou que esta mellor evolución da economía axudou a que Galicia fose a comunidade que menos tivo que reducir o déficit en 2012. “Diminuílo de maneira progresiva permite non penalizar a evolución do PIB”, confirmou a conselleira, recalcando que “controlar as contas reduce o impacto da recesión”.
Esforzo investidor

No transcurso da súa intervención, a conselleira sinalou o compromiso da Administración autonómica por combinar bos ritmos de execución orzamentaria con elevados niveis de pagamentos das obrigas. Neste punto, informou de que Galicia foi a segunda comunidade que máis esforzo investidor fixo en 2012, ademais de ter unha execución do 84% en investimentos, catro puntos superior á media.

A titular de Facenda tamén abordou o modelo de financiamento autonómico, logo de recordar que o actual –aprobado polo anterior Goberno- non é satisfactorio para Galicia. A conselleira asegurou que “traballaremos tamén nesta lexislatura para mellorar o noso financiamento”, e celebrou a apertura dun grupo de traballo con todas as comunidades para analizalo e poder formular propostas de cambio.
Finalmente, Muñoz Fonteriz recordou que a Comunidade galega foi quen de completar o seu programa anual de endebedamento para 2013 nun só trimestre, mentres que outras comunidades teñen que acudir a mecanismos extraordinarios do Estado por non ser capaces de financiarse. Tamén lembrou que Galicia foi a segunda comunidade cun menor aumento do seu endebedamento en 2012, case a metade que a media das autonomías.

Si desexa comentar esta entrada, pode escribir un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta. Grazas.