Hoxe celebramos o día das Letras Galegas, lembrando a figura de Roberto Vidal Bolaño, creador do moderno teatro galego, aautor e actor.
Onte no acto conmemorativo o presidente Feijoo, entre outras cousas dicía:
"Cada idioma é un retrato do que é, do que foi e do que quere ser un país. Para coñecer unha comunidade humana determinada, compre pescudar no seu idioma e dialogar con el.
Por iso as linguas necesítanse unhas ás outras. Compleméntanse porque son parte dun todo común.
A súa proliferación non foi ningunha maldición, pero si o é teimar no seu enfrontamento, ou pensar que pertencen en exclusiva a alguén. As linguas son inocentes. Son os homes os que ás veces as perverten para convertelas en mazás da discordia. Preservar o significado primixenio da lingua como factor de unión, é unha misión que os seus falantes endexamais podemos esquecer.
Nese reparto que o Creador fai no comezo dos tempos, os galegos tivemos a sorte de ser un dos pobos distinguidos co tesouro dun idioma propio. Iso foi así porque temos unha maneira peculiar de estar no mundo e de entendelo. Temos unha maneira propia de sentir que require un código lingüístico axeitado, capaz de esgotar as nosas posibilidades expresivas. A lingua foi un don que conservamos, cultivamos e engrandecemos. A lingua foi a gran compañeira que estivo con nós na enfermidade e na saúde, na pobreza e na riqueza, na tristura e na ledicia.
O galego é unha ferramenta de liberdade. Nel sentímonos libres. El únenos. Axúdanos a entender o noso entorno. E non nos enfronta con nada nin con ninguén. É unha ponte con todo e con todos. Ao longo da historia, que teñamos unha lingua á que pertencemos e que nos pertence, nunca foi un atranco para facer do noso país unha terra aberta. A lingua non nos illa nin nos pecha. Non foi nunca a lingua galega un baluarte senón unha casa común hospitalaria, apta para recibir o aporte doutras culturas.
Galicia está no mundo e o mundo está en Galicia. Vivimos nun tempo que non admite identidades pechadas ou monolíticas. Prosperan os pobos orgullosos de si mesmos, pero con identidades abertas, mentres que esmorecen os que interpretan calquera influenza como algo hostil.
Nós non queremos esmorecer. Nós non estamos esmorecendo. Galicia vén de lonxe e vai para lonxe, e nesa longa andaina nosa polos séculos, o idioma dános forzas e axúdanos a lembrar o que somos."
"Xuntos formamos un pobo de palabra, xuntos somos o pobo da palabra. A palabra é o elemento que nos constitúe e nos identifica. A palabra é o que nos queda dos nosos devanceiros, e o que legaremos ás xeracións posteriores porque as palabras son inmortais. Con elas amamos, loitamos e describimos mundos novos.
Cada un de nós é un ser illado, pero en comunidade formamos un gran país. Cada palabra solitaria parece pouco, pero fiadas son un exército pacífico que forma unha lingua"
Sen dubida unhas sentidas mensaxes de unidade e de autoestima.
Longa vida a nosa lingua!