martes, 18 de junio de 2013

Máis de 55 millóns de euros en actuacións hidráulicas cofinanciadas pola Xunta e o Estado na provincia de Ourense

Hoxe en Ourense, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o presidente da Confederación Hidrolóxica Miño-Sil, Francisco Marín Muñoz, mantiveron un encontro de traballo onde abordaron a situación das obras que a Administración Estatal está a desenvolver na provincia de Ourense, cofinanciadas pola Xunta de Galicia.


Ambos coincidiron no esforzo e compromiso das administracións con estas actuacións, que suman un importe de máis de 55,5 millóns de euros, dos cales a Xunta achega máis de 11,25 millóns de euros, e o Estado 41,95 millóns de euros.


Na provincia de Ourense, as dúas administracións traballan para que no ano 2015 o río Sil, o Miño e o Barbaña teñan unha mellora na calidade das augas con actuacións moi relevantes na nova EDAR de Ourense, nos proxectos de saneamento de Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas e na mellora da EDAR de O Barco.


Ourense:

Entre as obras que se están a levar a cabo con ditos investimentos, destaca a Edar de Ourense, da que se está a finalizar a redacción do proxecto construtivo e que implica un investimento de 49 millóns de euros, para que sexa unha realidade nos prazos establecidos e, deste xeito, dar cumprimento á normativa europea en materia de augas. A achega da Xunta de Galicia ascende a 10,10 millóns de euros e o Estado aporta 36,75 millóns de euros.


Pereiro de Aguiar:


Outra das cuestións abordadas durante o encontro foi a mellora de saneamento de Pereiro de Aguiar, unha actuación autorizada polo Consello da Xunta o 4 de abril, co obxectivo de incrementar a capacidade de tratamento da EDAR de Pereiro de Aguiar e acometer a remodelación da rede de saneamento existente.


Deste xeito, separaranse as augas residuais urbanas das residuais industriais, e poderán tratarse independentemente garantindo así os estándares de calidade esixidos polo medio receptor. A achega da Xunta de Galicia ascende a algo máis de 300.000 euros para unha actuación de 1,5 millóns de euros. O Estado aporta 1,2 millóns de euros.


San Cibrao das Viñas:


O consello da Xunta tamén autorizou o pasado 2 de maio o convenio para a mellora do saneamento da EDAR de San Cibrao. Con este proxecto melloraranse as actuais infraestruturas de saneamento e depuración que dan servizo ao Parque Empresarial de San Cibrao das Viñas e aos núcleos de poboación situados nas súas inmediacións, ao tempo que se minimizan as verteduras ao río Barbaña, co fin de garantir a súa recuperación e o bo estado ecolóxico. Trátase dunha actuación que implica un investimento de 3,7 millóns de euros, dos que a Xunta aporta algo máis de 700.000 euros. O Estado aporta 2,8 millóns de euros.


Na EDAR detéctanse actualmente importantes problemas de infiltracións e excesiva afluencia de pluviais, así como puntas de contaminación industrial. Estas circunstancias supoñen un grave risco debido á inhibición dos procesos biolóxicos, ademais de incumprimentos de calidade no efluente da EDAR.


O Barco de Valdeorras:


Nunha situación similar atópase a EDAR do Barco de Valdeorras, que presenta importantes problemas de funcionamento, e non é capaz de depurar toda a carga contaminante e caudal que lle chega. Por tanto, cómpre a súa ampliación e mellora, a través dunha actuación que permita aumentar a súa capacidade de tratamento mediante obras como o novo desareado – desengraxado, melloras no reactor biolóxico existente, reparación de problemas estruturais, nova aireación, e variadores de frecuencia para recirculación, un novo decantador secundario, a execución de tanque anaerobio para eliminación biolóxica do fósforo e unha nova automatización da EDAR.


As obras contan cun orzamento de 1,5 millóns de uros, dos que o Estado aporta 1,2 millóns de euros.


Estas actuacións amosan que a Xunta e o Estado atópanse nun momento de intensa colaboración para - nunha época de escasos recursos - traballar de maneira conxunta e de forma coordinada en cuestións primordiais, como é o saneamento a depuración das augas residuais.

Si desexa comentar esta entrada, pode escribir un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta. Grazas.