Rematóu a reunión desta tarde do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo co ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, na que tamén participaron representantes de Asturias, dos sindicatos UXT e CC.OO. e de Pymar.
Ao remate, Feijóo confirmou a decisión conxunta de presentar un recurso ante o Tribunal de Luxemburgo contra a resolución da Comisión Europea, a proposta do comisario da Competencia, Joaquín Almunia.
Neste sentido, o presidente galego explicou que a vía xudicial se debe de seguir por razóns de responsabilidade e de coherencia e considerou que é un camiño axeitado para protexer os intereses do sector e das máis de 80.000 familias que viven del en España.
Na mesma liña considerou que, fronte á postura do comisario da Competencia, os argumentos xurídicos de España son sólidos para lograr o respaldo da xustiza europea. “As mesmas razóns coas que logramos que Almunia reducise o período de devolución das axudas e as limitase aos investidores teñen a solvencia suficiente para que sexan atendidas no Tribunal de Luxemburgo”, resaltou.
Feijóo defendeu que a unidade tamén é o mellor instrumento para seguir tutelando xuntos a recuperación do naval.
Así, entre as prioridades para os próximos meses citou a posta en marcha do novo sistema de tax lease, que dá seguridade xurídica porque xa está avalado pola Unión Europea, así como o apoio a fórmulas de financiamento para os novos pedidos.
Na mesma liña, subliñou que o Ministerio de Facenda, a través da Axencia Tributaria, xa está facendo os primeiros cálculos das devolucións das primeiras axudas do tax lease, no caso de que finalmente houbera que aboalas.
Ao respecto, Feijóo explicou que o Ministerio de Facenda xa se ten reunido con investidores afectados pola resolución da Comisión Europea, que ven satisfactoria a metodoloxía empregada.
Consensuar medidas que faciliten o financiamento de novos pedidos
O presidente galego avogou por “manter viva esta fronte común” xerada en torno ao naval porque, na súa opinión, a unidade é a mellor fórmula para abordar o futuro do sector.
Neste sentido, puxo de manifesto o espírito construtivo dos participantes no encontro, que coincidiron en que xerar un clima de confianza canto antes é fundamental.
Por iso, explicitaron a vontade de que o grupo de traballo do naval siga activo cos mesmos integrantes: Goberno de España, comunidades autónomas afectadas, estaleiros e organizacións sindicais.
Despois de recordar que a incerteza xerada polo expediente aberto en Bruxelas durante máis de dous anos tivo “consecuencias fatais” para o sector, defenderon “non perder nin un minuto” para reactivar o naval coa seguridade xurídica e coa axilidade que merecen.